Inicio Carballo ao día Hemeroteca Segunda fin de semana do programa de sala do FIOT...

VENRES 17, SÁBADO 18 E DOMINGO 19 DE OUTUBRO

Segunda fin de semana do programa de sala do FIOT co humor de Yllana, un Lope revisado e a ciencia ficción de "Harket"

Venres 17 de outubro do 2014

Continuamos o sábado 18 con "Fuenteovejuna, breve tratado sobre las ovejas domésticas" (na imaxe), mudando o habitual espazo escénico da programación de sala e viaxando ao segundo andar do Mercado debido ás condicións do espectáculo. Trátase dunha adaptación que actualiza o clásico de Lope de Vega, "Fuenteovejuna", e que explica a historia do famoso pobo, que canso das atrocidades dun encomendador corrupto e violador, decide unirse para combater e matar ao seu opresor. O texto orixinal "deconstrúese" e entrecrúzase coa dramaturxia contemporánea para facer unha profunda reflexión sobre o poder e a mansedumbre nun espectáculo enérxico, trepidante, esteticamente impactante e concibido para espazos non convencionais, que envolve ao espectador e na que os actores son vítimas e culpables do que narran. Despois de gañar o Premio ao Mellor Espectáculo do Certame Internacional Almagro Off 2013 do recoñecido festival clásico, a xoven compañía catalá Obskené, creada no ano 2008, está sorprendendo en numerosos escenarios nacionais coa súa mirada fresca e xuvenil. A duración prevista do espectáculo é de 65 minutos.

E a fin de semana pecha cunha nova entrega do ciclo OTNI, que comezou con forza grazas á fantástica proposta, que ademais tivo boa resposta por parte do público, "Los brillantes empeños", de Grumelot. O domingo 19 é a quenda de "Harket (Protocolo)", unha proposta de 70 minutos de duración que fala de confianza e traizón, da necesidade de vincularnos con algo aínda que non sexa humano. É un espectáculo interdisciplinar de ciencia ficción no que a danza, teatro, humor, música, deseño e vídeo mapping interactúan na posta en escena. É tamén un proxecto trasmedia que ten a súa extensión en Internet a través de blogs e redes sociais nos que o espectador pode expandir a súa experiencia. Cristina Harket é unha moza voluntaria nun proxecto que investiga a posibilidade de sobrevivir nun búnker coa única axuda dun sistema de intelixencia artificial chamado MAP#2. Algo vai mal e o mes que tiña que estar no interior convértese en máis de dous anos. As portas do búnker continúan pechadas. ste proxecto da compañía Panicmap está tendo moi boa acollida entre público e crítica e participando en numerosos festivais, recibindo un nomeamento ao mellor autor revelación nos Premios Max 2014 e gañando o Premio de Teatro BBVA 2014. As entradas poden comprarse o mesmo día na billeteira do Pazo da Cultura entre as 19.30 e as 21.00 horas ou de forma anticipada en <www.servinova.es> ou no teléfono 902 504 500.

Compartir: