Inicio Carballo ao día Hemeroteca A hostalería acapara case a cuarta parte...

ARREDOR DE 1.400 DEMANDANTES DE EMPREGO ESTÁN INSCRITOS NA BDT

A hostalería acapara case a cuarta parte das ofertas de emprego que chegan á Bolsa de Traballo de Carballo

Luns 20 de outubro do 2014

O Curso de Cociña (na imaxe), que comezou o 20 de xuño, rematará o vindeiro 11 de decembro, despois de 848 horas de formación que inclúen prácticas en empresas. O 4 de decembro rematarán tamén os alumnos e alumnas de Servizos de restaurante, que se incorporaron ao centro o 1 de xullo, e que nestes momentos están a preparase na prevención de riscos laborais e en inglés. Ademais da oferta formativa relacionada coa hostalería, as instalacións do Fórum acollen tamén ata decembro un curso de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións e outro de soldadura oxigás e MIG/MAG. Esta última especialidade figura no sétimo lugar entre as ocupacións máis demandadas polas empresas na BDT. Nestes momentos hai un total de 1.391 persoas rexistradas coma demandantes de emprego na bolsa municipal, 665 homes e 726 mulleres. O servizo está a rexistrar moi boa acollida tanto por parte das persoas desempregadas coma das empresas, que recorren a el cada vez con máis frecuencia. De feito, dende maio foron ofertados 65 postos, 10 deles no último mes. O número total dende a posta en marcha da BDT ascende a 165.

Redución do paro

As listas do paro en Carballo están a reducirse dende que comezou o ano. A finais de xaneiro había 4.009 persoas inscritas no Servizo Público de Emprego, mentres que o mes de setembro pechou con 3.448, o que supón un descenso de 561 persoas. O desemprego afecta máis ás mulleres que aos homes. De feito, malia o descenso que se produciu no último mes, en setembro hai no paro 15 mulleres máis que en agosto, polo que o descenso afectou sobre todo aos homes. Ao mesmo tempo que baixa o paro aumenta o número de contratacións, aínda que, curiosamente, as máis beneficiadas son as mulleres. Neste sentido, en setembro rexistrouse a cifra máis alta do ano, cun total de 537 contratos iniciais (38 máis ca en agosto), dos que 230 corresponderon a homes e 307 a mulleres.

Compartir: