Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Biblioteca Rego da Balsa nace como un espazo de...

INAUGURACIÓN O VENRES 24 DE OUTUBRO E APERTURA O LUNS 27

A Biblioteca Rego da Balsa nace como un espazo de achegamento ao libro e a lectura "o máis dinámico e aberto posible"

Mércores 22 de outubro do 2014

Despois da inauguración do venres 24, prevista para as 19.00 horas e na que está previsto que interveñan creadores e creadoras locais, o luns 27 será o momento de apertura ao público, cun horario de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 horas e os sábados pola mañá de 10.00 a 13.00 horas. Polo de agora, todos os servizos están centralizados na planta baixa, que ten 700 metros cadrados de superficie e que inclúe tamén un pequeno auditorio con capacidade para arredor de 80 persoas. Evencio Ferrero tamén quixo resaltar que se trata dun espazo totalmente accesible, e que supera as barreiras arquitectónicas da antiga. Xa está deseñado, así mesmo, o logotipo da Biblioteca Rego da Balsa, que se converterá na imaxe xenérica para as dúas bibliotecas da vila e que consiste nunha B maiúscula cunha folla de carballo no interior -deseño de Patricia Portela-. Os fondos bibliográficos do espazo roldan os 5.000 libros, pero tamén haberá prensa diaria, revistas e material audiovisual e musical para gozar nas propias instalacións ou en aluguer. O Alcalde quixo aproveitar a rolda de prensa para presentar a Biblioteca Rego da Balsa para agradecer a doazón de 600 libros por parte de Xosé Manuel López Eirís, unha colección moi actual pero que conta tamén con xoias bibliográficas que poderán ser gozadas polos carballeses e carballesas grazas á súa xenerosidade. Raquel Morano subliña que un dos obxectivos é que os fondos bibliográficos tamén sexan algo "vivo" polo que os diferentes estantes e expositores contarán con diferentes coleccións ou monográficos que irán variando de forma periódica.

Como facerse socio da Biblioteca Rego da BalsaUn dos obxectivos do equipo xestor da biblioteca e do Concello é facer o espazo e os seus servizos alcanzables para os veciños e veciñas. Por iso será un espazo de libre acceso. Mais para o préstamo de libros, haberá que estar dado de alta no rexistro da biblioteca. Non obstante todo estará centralizado a través do carné Carballo Porta Aberta, que é o mesmo que se emprega para acceder ás instalacións deportivas municipais. Así, os veciños e veciñas que xa sexan usuari@s das piscinas e salas fitness municipais, tan só terán que facilitar os seus datos a primeira vez que aluguen un libro e a partir dese momento xa estarán dados de alta no servizo. Poderán alugar os libros e contidos multimedia de forma totalmente gratuíta empregando o seu carné. Ferrero sinala que o obxectivo deste sistema é facilitar o acceso aos fondos da biblioteca da forma máis sinxela posible. Quen non teña a tarxeta Carballo Porta Aberta por non ser usuari@ das instalacións deportivas municipais, poderá facela por vez primeira, tamén de forma gratuíta, nas oficinas Carballo Deporte situadas na rúa Vila de Corcubión. Máis adiante, e tan pronto se actualice o software necesario, tamén poderá realizarse nas instalacións da propia biblioteca. Quen queira, poderá ser usuari@ unicamente da Biblioteca, ou unicamente das instalacións deportivas, sen ningún problema. Poderán contar con carné individual da Biblioteca as persoas maiores de 14 anos, mentres que os menores desa idade contarán cun carné asociado ao de algún adulto.

Hai que lembrar que a Biblioteca Municipal é un proxecto de Óscar Pedrós levado a cabo pola empresa Ogmios. A xestión do servizo adxudicouse a través cun concurso público e aberto á empresa Serindoc, que tamén leva a biblioteca de Narón, por un importe de de 90.508 euros anuais por un período de tres anos (con posibilidade de prórroga dun ano). A adxudicataria incluíu unha mellora sen custo adicional que supón un incremento de 432 horas de servizo. Aínda que polo momento, e dado a que o servizo será xestionado por catro persoas, o primeiro andar resérvase para actos e actividades puntuais, Raquel Morano subliña que está previsto que o servizo na Biblioteca Rego da Balsa se implante "de forma escalonada", adaptándose pouco a pouco ás necesidades dos usuari@s e sobre todo poñendo en marcha un plan de actividades dinamizadoras para "tentar que a xente se achegue á cultura". Os interesados e interesadas xa poden obter información puntual das actividades da nova biblioteca nas redes sociais, en Facebook, Twitter, Instagram, Youtube, Wordpress, Pinterest e Spotify.

Máis abaixo podedes consultar o vídeo promocional da Biblioteca en Youtube ou descargar o tríptico informativo das instalacións en pdf.

Compartir: