Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo colabora co Eixo Atlántico para...

XUNTANZA NO CONCELLO DA COMISIÓN DE PLANEAMENTO DA EURORREXIÓN

Carballo colabora co Eixo Atlántico para xerar unha Axenda Urbana que contribúa a saír da crise e a influír nas políticas europeas

Venres 24 de outubro do 2014

Durante a reunión, ademais de Vázquez Mao, estiveron representantes de quince concellos do Eixo Atlántico, así como o presidente da Comisión de Planeamento, Martín Fernández Prado, e, en presentación de Carballo, o Alcalde, Evencio Ferrero, a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, e o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Ademais da Axenda Urbana, un dos puntos fundamentais da xuntanza, a cita contou con outros puntos na orde do día. Fernández Prado foi o encargado de expoñer os contidos destes asuntos, como a presentación da primeira fase dun plan de infraestruturas para a competitividade. Trátase dun documento no que se actualiza o traballo realizado con anterioridade e que recolle a necesidade de incorporar os equipamentos industriais e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) ao mapa de infraestruturas para conseguir optimizar o traballo das cidades do Eixo, prestándolle unha especial atención aos grandes centros de innovación. Así mesmo, a reunión serviu para ultimar detalles do III Foro marítimo 2015 que se celebrará en Viana do Castelo e que ten como obxectivo "seguir posicionando ás cidades do Eixo no arco atlántico", non só mirando cara a Sudamérica para países como Brasil, senón tamén incorporando outras olladas cara a Irlanda e o Reino Unido. Abordáronse tamén as actividades de innovación que está previsto realizar no marco do Eixo en 2015, escoitando, sobre todo, as propostas dos concellos da Eurorrexión. E, por último, falouse da presenza do Eixo Atlántico na III edición do Foro Pensar a Cidade do SXXI, que ten lugar na Coruña os días 23 e 24 de outubro deste ano.

Xantar elaborado polo alumnado do Fórum

O Alcalde, Evencio Ferrero, e dentro do marco da Axenda Urbana, tamén quixo mencionar as posibilidades de Carballo, unha das dúas únicas cidades do Eixo situadas na área de influencia doutra grande cidade, neste caso A Coruña, e que, segundo os estudos, conta con opcións de seguir medrando. Non só como unha cidade a 33 quilómetros da Coruña, senón tamén, e cambiando o punto de vista, porque "A Coruña tamén está a 33 quilómetros de Carballo" e a vila pode converterse nun polo de atracción para os habitantes da capital provincial. Como peche da xornada, os representantes da Comisión de Planeamento tiveron a oportunidade de gozar co bo facer do alumnado da Escola de Hostalería do Fórum Carballo, a onde se achegaron para xantar. Así, no menú houbo carpacho de polbo con pataca vitelotte; latas de ventresca e mexillón en escabeche; rodaballo á prancha con verduriñas, escuma de berberecho e o seu crocante de millo; codillo de porco asado, grelos de Anxeriz e patacas de Coristanco. Para a sobremesa prepararon Texturas de Outono Atlántico, un doce á medida dunha xornada que permitiu amosar o traballo realizado no Fórum ante numerosos concellos de Galicia e do Norte de Portugal.

Compartir: