Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno inclúe a aprobación do POS...

ACTUACIÓNS EN OZA, RUS, CANCES, ARDAÑA, ARTES, SOFÁN E ENTRECRUCES

O pleno inclúe a aprobación do POS 2015, que recolle melloras en saneamentos e vías no rural por un importe de 663.000 euros

Venres 24 de outubro do 2014

Seguindo nunha orde por orzamento, o segundo máis cuantioso é o referido á "Mellora de capa de rodaruda no lugar de Cances Grande, parroquia de Cances" por 189.765 euros. Neste caso, e segundo explica o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, seguiuse a recomendación da Xunta de empregar un firme de cemento nas actuacións en vías de lugares "nos que hai elevada incidencia patrimonial" e que son considerados "lugares galegos". Trátase da actuación individual máis gravosa do POS e que se realiza, así mesmo, porque o lugar xa conta coa dotación de servizos e unha vez mellorado o firme non habería que volver a abrir as vías para realizar novas dotacións no futuro próximo. O POS inclúe así mesmo a creación dunha "Rede de saneamento en Outeiro, parroquia de Rus" e dunha "Rede de saneamento en O Rodo, parroquia de Oza" por 107.150,16 e 87.133,59 euros, respectivamente. No primeiro caso crearíanse 819 metros lineais de novas canles e 24 pozos; mentres que no segundo serían 1.734 metros de canalizacións e 51 pozos. En total, serían máis de dous quilómetros e medio de novas tubarías para a rede de saneamento do municipio. Por último, o Plan de Obras e Servizos recolle a "Reparación dos viais secundarios na parroquia de Entrecruces" por 39.878,89 euros. Así mesmo, a proposta do pleno inclúe a aprobación dun Plan Complementario que se realizaría con cargo ás posibles baixas derivadas da contratación dos proxectos. A actuación refírese ao "Rebacheo de camiños na parroquia de Rus" por 52.557,50 euros.

Necesidades no CEIP Bergantiños

A sesión inclúe outro asunto na orde do día no apartado de mocións. Sería unha proposta de TEGA para a colocación dunha pérgola nos accesos ás novas unidades de Educación Infantil da ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, é certo que a primeiros de curso os nenos e nenas facían as filas no exterior e sufriron algunhas das primeiras choivas do outono, mais subliña que o problema foi eliminado xa que os cativos e cativas agora fan as filas antes de entrar ás aulas no patio interior cuberto, polo que xa non se mollan. Así mesmo, o Alcalde salienta que, no compromiso cos centros de ensino do municipio e no clima de colaboración institucional coa Xunta, responsable da xestión dos colexios, o Concello xa ten realizado un esforzo para ampliar o comedor acondicionando dúas aulas de Infantil que xa non se usaban, ademais de crear unha Biblioteca no espazo doutras dúas aulas. En todo caso, asegura que o grupo de goberno escoitará no pleno a proposta de TEGA e non se opón a que a Xunta instale a pérgola no centro se o considera oportuno. Por último, Ferrero resaltou que un dos principais problemas no CEIP Bergantiños, e para o que as nais e pais están recollendo sinaturas, é que o centro tan só conta cun profesional de Pedagoxía Terapéutica en lugar dos dous que lle corresponden, o que redunda negativamente na atención do alumnado do centro. Ferrero manifestou que o Concello apoia as reivindicación dos pais para que a Xunta dote ao centro dos especialistas que precisa.

Durante a rolda de prensa, Ferrero quixo transmitirlle os seus parabéns á nova deputada carballesa no Congreso pola provincia da Coruña e concelleira da corporación polo PP, Marga Varela Lema. Desexou que a súa presenza no Congreso "sexa proveitosa para Carballo, para a Costa da Morte e mesmo para todo o país galego".

Compartir: