Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e os centros de ensino do municipio...

PARTICIPAN CATRO COLEXIOS, AS DÚAS ESCOLAS INFANTÍS E O CRA

O Concello e os centros de ensino do municipio colaboran para levar tamén ás aulas a actividade do Horto Infantil Ecolóxico

Venres 24 de outubro do 2014

Os centros que se achegarán decotío ao Horto son os CEIP Bergantiños e Xesús San Luís Romero, que contarán coas súas propias parcelas nas que plantar os cultivos e desenvolver as actividades que consideren oportunas, sempre que sexan ecolóxicas. No primeiro caso, a directora, Elena Civeira, explica que se van centrar no cultivo de plantas medicinais, mentres que Marisa López, directora do San Luís Romero, explica que se ampliará unha iniciativa de horto ecolóxico xa implantada no centro. Así mesmo, os dous centros de ensino participarán no programa de Mobilidade do Concello e realizarán a pé os seus desprazamentos ao Horto, reforzando actividades como o Pedibús ou Camiño Escolar. Os outros dous colexios, por motivos de distancia coas instalacións, contarán cos seus propios mini hortos ou invernadoiros, ou, como no caso do Gándara-Sofán, tamén cun xardín de plantas aromáticas, para poder desenvolver a actividade. No caso das unitarias do CRA (Colexio Rural Agrupado), un coordinador do Horto realizará unha visita semanal para controlar e axudar á posta en marcha da iniciativa. Carmen Mendoza falou en nome das escolas infantís A Braña, da que é responsable, e das Landras. Na Braña centraranse na reciclaxe e na construción dun invernadoiro con botellas de plástico. Nas Landras, e debido á falta de espazo nas instalacións, realizarán cultivos en pacas, tal e como se levou a cabo no Horto en primavera de forma experimental e con grande éxito.

Venda dos seus propios produtos en "Pequefeiras"

Está previsto que no futuro, e cos cultivos obtidos co seu traballo, os nenos e nenas dos centros de ensino traballen para constituír a súa propia cooperativa para poder realizar dúas veces ao ano unhas "pequefeiras" nas que traballen na promoción dos seus produtos ecolóxicos, aprendan a familiarizarse cos cartos, coas moedas e co cambio, e para que sexan conscientes do proceso de produción dos cultivos, de funcionamento dun negocio e do emprendemento, aprendendo paso por paso, así mesmo, como os froitos chegan aos andeis dos supermercados ou aos postos da feira. Ademais, está previsto que os nenos e nenas tamén teñan a oportunidade de aproveitar as instalacións da Nave de Hostalería do Fórum e o traballo do Curso de Cociña que alí se está celebrando para que teñan a oportunidade, por exemplo, de aprender como elaborar salsa de tomate cos seus propios froitos. O obxectivo, segundo Xosé Regueira, é conseguir unha "maior autonomía infantil" e tentar "mudar o mundo a través de novos modelos educativos". O Concelleiro de Promoción Económica tamén avanzou que no marco do GAC 2014-2015 está previsto desenvolver novas actividades en colaboración cos centros de ensino, CEIP e institutos, para promover o litoral, a ornitoloxía ou o marisqueo, así como para fomentar a práctica do surf nos areais carballeses entre os propios veciños e veciñas da vila con "bautismos de surf" gratuítos para nenos e nenas dos centros de ensino. Proximamente daranse a coñecer os detalles desta nova iniciativa.

Na presentación das novas actividades do Horto Infantil Ecolóxico estiveron presentes, ademais de Xosé Regueira, Elena Civeira, Marisa López e Carmen Mendoza, o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, o director do CEIP Gándara-Sofán, Mariano Dopico, a directora do Colexio Artai, Chelo García, e o secretario do CRA, Jesús Prado.

Compartir: