Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo inaugura a nova Biblioteca nunha xornada...

AS INSTALACIÓNS ABREN AO PÚBLICO O LUNS 27 DE OUTUBRO ÁS 10.30H

Carballo inaugura a nova Biblioteca nunha xornada chea de palabras, de música, de libros e de numerosos veciños e veciñas

Venres 24 de outubro do 2014

O acto de inauguración, ademais de con verbas e con libros, contou coa música clásica da man de Enrique Aldao, violinista que estuda no Conservatorio Profesional de Música e co rapeo a ritmo de reggae de Carlos Gende, Xenderal; así como coa presenza da Aula de Teatro Municipal da man de Beatriz Cortizas, condutora do acto. Durante as intervencións houbo moito espazo para os agradecementos, para Belén Lendoiro, concelleira baixo cuxo mandato xermolou o proxecto; para o escritor Manuel Rivas, por asistir ao acto de inauguración e que, precisamente, asina os tres primeiros libros que entraron no catálogo na nova biblioteca; para o Ministerio de Cultura, por achegar o financiamento necesario; para Francisco Jorquera, na actualidade deputado no Parlamento Galego e no seu momento deputado nas Cortes Xerais de España por A Coruña, que segundo Ferrero, realizou a xestión para que chegaran os fondos necesarios para construír o edificio; para a Consellería de Cultura, que axilizou os trámites para integrar á Biblioteca Rego da Balsa na Rede de Bibliotecas de Galicia e contar así cos seus fondos bibliográficos -incluídos os libros electrónicos-; para Xoán Manuel López Eirís, pola súa doazón de arredor de 600 libros de grande valor bibliográfico para o novo espazo; para o arquitecto que deseñou o espazo, Óscar Pedrós, así como para a empresa que a construíu, Ogmios; e para toda a equipa das novas instalacións.

A cita contou coa presenza da ampla maioría dos membros da corporación, como os líderes de todos os grupos municipais, Miguel Ferreiro (PP), Manuel Andrade (TEGA) e José Antonio Viña (PSOE); os deputados Aurelio Núñez Centeno e Marga Varela; ou os concelleiros Milagros Lantes, Luís Lamas, Belén Lendoiro, Daniel Pérez, María del Carmen Regueira ou Xosé Regueira, entre outros. Despois dos protocolos, foi cando a biblioteca cobrou verdadeira vida, coa "invasión" dos veciños e veciñas que gozaron de todos os seus espazos e que ocuparán as instalacións a partir do luns 27 de outubro. Para obter máis información sobre as características, servizos e condicións de préstamo de libros do novo espazo, os interesados e interesadas poden clicar aquí.

Compartir: