Inicio Carballo ao día Hemeroteca O actor Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" recibiu o...

A CERIMONIA FOI O SÁBADO 25 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

O actor Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" recibiu o Xograr de Outono 2014 reivindicando o seu labor como "titiriteiro"

Luns 27 de outubro do 2014

Nunha reunión celebrada no mes de abril, o xurado do Xograr de Outono, formado polos anteriores premiados e a organización do FIOT, decidiu outorgar o Xograr 2014 a Eduardo Rodríguez "Tatán", fundador da compañía Tanxarina Títeres en 1983 e que, desde entón, se converteu nunca das formacións máis recoñecidas e prestixiosas de teatro de títeres, tanto dentro coma fóra de Galicia. Este galardón quere recoñecer o mérito e labor teatral de "Tatán" como titiriteiro e actor, así como de dinamizador na difusión na manipulación e na creación de títeres no teatro galego. Ao longo da súa traxectoria profesional foi o impulsor dos primeiros festivais de títeres en Galicia. Nun dos máis importantes, o Festival Internacional de Títeres de Redondela, que xa vai pola 15 edición, asumiu a dirección artística durante varios anos. O Xograr de Outono 2014 é un referente na escena galega, xa que ademais de dignificar a profesión de titiriteiro, sendo un dos primeiros que creou a primeira asociación de Galicia, realizou o seu traballo non só para espectáculos infantís senón que tamén introduciu o títere no público adulto. Eduardo Rodríguez "Tatán" (Redondela, 1954) pasou varios anos de formación en Barcelona durante os que se empapou da experiencia de Harry V. Tover, un dos máis importantes lutiers de monicreques do mundo. Ademais de manipulación, con el tamén aprendeu creación de monicreques de fío. Tras o seu regreso a Galicia en 1983 para desenvolver a súa aprendizaxe como actor e titiriteiro, funda a compañía Tanxarina Títeres ofrecendo en tres décadas máis de 20 espectáculos.

Como actor teatral, Rodríguez Cunha foi fundador de dúas compañías de teatro, o Colectivo de Teatro Cirigaita e Producións Teatrais do Sur, S.L. coas que participou en tres espectáculos nos anos 90. Ademais colaborou con Teatro do Morcego en "A branca rosa" (2000) e en "Os vellos non deben namorarse" (2001), no personaxe de Saturio; así como co Centro Dramático Galego en "A cacatúa verde" (2001). Coa compañía Matarile participou no espectáculo "O cumpreanos da infanta de Oscar Wilde". "Tatán" ten tamén unha longa traxectoria en cine e televisión. Participou como actor nalgunha das series de televisión máis exitosas de Galicia, como "Pratos combinados" (2000), "Mareas vivas" (2000), "Fíos" (2002), "As leis de Celavella" (2002), "A vida por diante" (2005) e "Terras de Miranda" (2006). No cine debutou da man de José Luís Cuerda en "A lingua das bolboreta" (1998), participando despois en películas tan importantes como "O lápiz do carpinterio" (2001) de Antón Reixa, (2001), "O regalo de Silvia" (2002) de Dionisio Fernández e "Heroína" (2003) de Carlos Herrera. Desde o ano 2000, o Festival Internacional Outono de Teatro concedeu once galardóns, tres deles a título póstumo: 2000 Roberto Vidal Bolaño (a título póstumo); 2004 Artur Trillo; 2005 Celso Parada; 2006 Víctor Mosqueira; 2007 Quico Cadaval; 2008 Dorotea Bárcenas; 2009 Cándido Pazó; 2010 Paula Carballeira; 2011 Marcelino de Santiago "Kukas"; 2012 Alberto Gende (a título póstumo); 2013 Xosé Manuel Olveira "Pico" (a título póstumo); 2014 Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán".

Os interesados e interesadas poden ver unha galería de imaxes do acto no Flickr do Festival Internacional Outono de Teatro, clicando aquí.

Compartir: