Inicio Carballo ao día Hemeroteca Broche de ouro para o FIOT coas estreas en...

VENRES 31 DE OUTUBRO; SÁBADO 1 E DOMINGO 2 DE NOVEMBRO

Broche de ouro para o FIOT coas estreas en Galicia de "El Brujo" e Sergi López e a proposta internacional con "Otelo"

Venres 31 de outubro do 2014

A temática do FIOT, a revisión dos clásicos está moi presente na función do sábado 1 de novembro, "El asno de oro" que Rafael Álvarez "El Brujo", referente do teatro nacional, estrea en Galicia desde o escenario do FIOT. "El Brujo" adapta ao seu particular estilo esta novela clásica latina, unha das xoias da literatura universal, precursora da picaresca e de gran influencia no teatro do Século de Ouro. Este xograr contemporáneo constrúe unha narración que resume moitas aventuras humorísticas e a acción trepidante deste relato fantástico que amosa a crueldade, a corrupción e a decadencia da sociedade. Durante dúas horas e media (descanso de 20 minutos), o actor despregará os seus mellores recursos como intérprete, o humor, a fina ironía, o sarcasmo e a crítica corrosiva, traendo a reflexión aos nosos días. A música en directo acompañará a posta en escena e a mestría do xesto e da palabra de "El Brujo" convertirán a montaxe nunha festa teatral que seducirá ao espectador. Ao final da función faráselle entrega a Rafael Álvarez do Premio do Público do FIOT 2005 que gañou co espectáculo "San Francisco Juglar de Dios".

A última función do FIOT 2014 e tamén estrea en Galicia é "30/40, Livingstone" (na imaxe: 15 €, 90 minutos), coprotagonizada polo coñecido actor -sobre todo de televisión e cine- Sergi López e o seu compañeiro Jorge Picó. Ambos forman, Setze Fetges Associats -un xogo de palabras en catalán-. A referencia a un dos mitos da busca de aventuras do noso imaxinario é o punto de partida para a creación dun espectáculo no que o home contemporáneo busca tamén as súas aventuras, atopando revelacións sobre si mesmo. Esta particular "revisión" sobre o explorador en permanente busca é o que nos permitirá coñecer o traballo dun dos considerados mellores actores europeos, Sergi López, que o creador, director e intérprete, xuntamente con Picó, dun espectáculo de "humor, tenis e antropoloxía" no que reinventan a realidade. "30/40, Livingstone", que está nas táboas do Pazo da Cultura o domingo 2 de novembro, foi coproducida polo festival Temporada Alta e, despois dunha exitosa xira, acaba de participar tamén con éxito no Festival de Avignon (Francia).

Compartir: