Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Cos pés na terra" rematou...

OS ASISTENTES PUIDERON VER OBXECTOS CREADOS CON IMPRESORAS 3D

"Cos pés na terra" rematou falando de exemplos de innovación na industria musical, agroalimentaria e gastronómica

Venres 31 de outubro do 2014

Logo de Paco de Pin, foi a quenda de Antonio Muíños de Portomuíños e de Paco Morales (na imaxe) do restaurante Noor de Córdoba. O primeiro está especializado da distribución agroalimentaria, cunha grande experiencia en algas. De feito, a súa produción de algas distribúese en todos os puntos de España e en distintos países dos cinco continentes. Entre os seus logros, está o de levar ao reputadísimo restaurante El Bulli o longueirón de Fisterra. Nestes momentos está traballando co propio Paco Morales na creación dun sazonador natural para carne extraído de plantas autóctonas que se atopan en Ponteceso ou Baldaio. O segundo traballa no seu restaurante mesturando o traballo de chef coas novas tecnoloxías a través de impresoras 3D. Un dos retos do futuro sería o de chegar a imprimir alimentos directamente dende estas impresoras. Aínda así, Morales explica que hai que subliñar que "polo de agora é un proxecto embrionario" que ten moi lonxe a fabricación de impresoras que aforren o traballo de cociñar. Non obstante, non o descarta "porque nunca se sabe o que pode ocorrer no futuro". En todo caso, actualmente está traballando nas aplicacións prácticas que a impresión 3D pode ter para crear pezas únicas de vaixela para os seus restaurante, nalgúns casos incluso comestibles, para realzar a súa produción culinaria. Así mesmo, elaboran os seus propios centros de mesa, un deles en forma de serpe para un dos seus novos restaurantes en Brasil, grazas á técnica de impresión 3D.

Con este sistema, Morales asegura que se aforran custes, xa que realizar os moldes para unha peza pode valer entre 15.000 e 20.000 euros e coas impresoras poden traballar nas texturas e modelos que desexan a través do método "ensaio-erro" a un prezo moi alcanzable. Nestes momentos, están traballando para estender o seu sistema noutras empresase facer negoció cos seus avances en innovación, ao mesmo tempo que afondan na aplicación culinaria do proceso. Así teñen ensaiado para realizar sobremesas con chocolate ou texturas de queixo a través da impresión 3D. Durante a xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de tocar e observar de preto algunhas das creacións de vaixela das súas impresoras. "Cos pés na terra" pechou coa #55 Lacon Network, unha xuntanza que empresarios e emprendedores relacionados con Internet e as novas tecnoloxías realizan cada último venres de mes en distintas vilas galegas para intercambiar impresións e falar das novidades do sector. Os interesados e interesadas poden consultar unha pequena galería de imaxes da xornada no Facebook do Concello, aquí.

Compartir: