Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo conta desde hoxe cunha das tres Unidades...

TRÁTASE DUN SERVIZO GRATUÍTO EMPRAZADO NO ANTIGO AMBULATORIO

Carballo conta desde hoxe cunha das tres Unidades de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Galicia

Luns 3 de novembro do 2014

O acto de apertura do servizo contou coa presenza da presidenta da AGAT, Teresa Busto, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, da Delegada Territorial da provincia da Coruña, Belén Docampo, e da Secretaria Xeral de Política Social, Coro Piñeiro. Esta última amosou a súa "satisfacción" pola apertura deste servizo xestionado a través dun decreto de decembro de 2013 para a creación dunha Rede Galega de Atención Temperá e que pretende integrar a acción sanitaria, educativa e de benestar de forma transversal para conseguir un servizo de proximidade que apoie tamén ás familias e acadar unha "mellora cualitativa" para todas as persoas afectadas por este tipo de situacións. Piñeiro anunciou xa que o convenio coa AGAT para ofrecer o servizo en Carballo incrementarase o ano que vén e subliñou que o servizo carballés é "a primeira unidade da provincia da Coruña", nunha rede que a Xunta espera seguir aumentando no futuro. Piñeiro confía no persoal para xestionar acertadamente esta nova entidade e subliña que "con que un só neno ou nena poda levar unha educación e unha vida ordinaria grazas ao servizo merece a pena todo este esforzo".

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, salientou a relevancia da UDIAF porque "vai atender a familias con necesidades moi importantes" e tamén expresou que "o primeiro é que a poboación este atendida" e conseguir dar pasos para que as persoas con estas dificultades "se integren con total normalidade na sociedade futura". Mencionou a presenza na cita doutra entidade dedicada aos nenos e nenas con necesidades especiais con presenza na vila, Aloumiños, e manifestou a vontade da administración local de colaborar tamén con eles no futuro. Por último, pechou a súa intervención lembrándose do Centro Especial de Emprego de Aspaber, porque "do mesmo xeito que nos enche de orgullo que Aspaber se encargue da limpeza viaria e da limpeza dos centros de ensino", tamén "é un orgullo contar cunha unidade de atención a nenos e nenas con necesidades específicas".

Agradecementos a Xunta e Concello pola súa colaboración

A presidenta da AGAT, Teresa Busto, quixo facer fincapé nos agradecementos. En primeiro lugar para a Xunta de Galicia e Coro Piñeiro, porque despois duns comezos difíciles da entidade, creada no ano 1997, finalmente se fixo posible "que a atención temperá sexa unha realidade tal e como a tiñamos pensada". E en segundo lugar para o Concello de Carballo e Evencio Ferrero, porque "ás veces non é fácil que se vexa a necesidade de crear servizos que non son rendibles", segundo expresou Busto, especialmente a nivel electoral, "porque os resultados vense a nivel familiar e non social". Porén, iso non fai que sexan menos necesarios e importantes e por ese motivo agradece a vontade do Concello de ceder o local e mesmo de axudar no seu acondicionamento. Por último, mencionou a todos os profesionais e socios e socias da AGAT, sen quen sería imposible sacar os proxectos adiante, e cunha mención especial ao rehabilitador infantil Jaime Ponte, a quen describiu como "alma da AGAT".

No, "íntimo" e "tremendamente importante acto", en verbas de Ferrero, estiveron presentes numerosos membros da corporación como os concelleiros Belén Lendoiro e Luís Lamas; o líder de TEGA, Manuel Andrade; o do PP Miguel Ferreiro; os deputados nacional e autonómico Marga Varela e Aurelio Núñez Centeno; o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, en representación dos concellos de Bergantiños que tamén se beneficiarán do servizo; e representantes de entidades locais, como Matilde Anido presidenta local de Cruz Vermella. A inauguración pechou coa celebración dun pequeno almorzo.

Os interesad@s poden descargar un tríptico con toda a información do novo servizo, máis abaixo nesta mesma nova en pdf.

Compartir: