Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Biblioteca Rego da Balsa ofrece un programa con...

REXISTRADAS XA 400 ALTAS DE SOCI@S DENDE A APERTURA HAI 10 DÍAS

A Biblioteca Rego da Balsa ofrece un programa con catorce actividades inaugurais gratuítas para dinamizar o novo espazo

Martes 4 de novembro do 2014

As actividades aproveitarán espazos como o auditorio da Biblioteca, con capacidade para unhas 80 persoas, e tamén todas as posibilidades audiovisuais e de novas tecnoloxías que ofrecen as instalacións, ademais dos libros. Participan no programa, que está previsto que continúe tamén en 2015 con novas propostas, persoas de renome como Yolanda Castaño ou Raquel Queizás e Xabier Díaz, e tamén hai reservada algunha sorpresa, como no caso da Masterclass que pecha o programa sobre comunicación no século XXI, da que non se desvelaron aínda os protagonistas. Por orde cronolóxica, as citas -presentadas coa axuda de Raquel Morano, da empresa Serindoc e encargada da xestión da biblioteca-, son as seguintes:

  • Obradoiro de impresión e escaneado 3D. Venres 7/11 ás 19.00h. Impartido por Marcos Saavedra de Vermislab, está dirixido a maiores de 14 anos. Os asistentes poderán descubrir os secretos da impresión e o escaneado 3D nun obradoiro de 90 minutos de duración.
  • A viaxe de Nano. Contacontos para bebés. Mércores 12/11 ás 18.00h. Dirixido a bebés de 0 a 3 anos, Raquel Queizás ofrece un espectáculo que estimula as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese.
  • Obradoiro de nanas. Mércores 19 e 26 de novembro ás 17.00h. Xabier Díaz e Guillerme Fernández ofrecen esta actividade dirixida a nais e pais, presentes ou futur@s, así como a outr@s familiares, formador@s ou persoas interesadas que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés.
  • Presentación do libro "Eu estaba alí". Xoves 20/11 ás 19.00h. O chantadino Alfonso Eiré presenta a súa obra, unha implacable crónica dalgúns dos principais feitos que no último medio século se produciron en Galicia, escrita por quen estivo presente e os viviu ou sufriu de preto e cunha voz apaixoada. Para maiores de 14 anos.
  • Masterclass: O surf e a súa implicación meteorolóxica. Venres 21/11 ás 19.00h. Responsables de Artsurfcamp ofrecen este obradoiro dunha hora e media en que se explicarán os diferentes tipos de ondas, a súa relación coas predicións meteorolóxicas. Para maiores de 14 anos.
  • Actividade Perros y letras. Sábado 22/11 ás 11.00h. Trátase dun obradoiro singular dirixido a nen@s de entre 6 e 12 anos para mellorar a lectura, a motivación e a confianza das rapazas e rapaces empregando un método diferente, innovador e eficaz: lerlle a un can.
  • Obradoiro de scrapbooking. Martes 25/11 ás 18.00h. Patricia García imparte este taller no que se crearán bonitos e prácticos obxectos con adhesivos, botóns, recortes de revistas, flores secas, lazos e todo aquilo ao alcance da imaxinación. Para maiores de 12 anos.
  • Presentación do poemario "A segunda lingua". Xoves 27/11 ás 19.00h. A coñecida poetisa galega Yolanda Castaño presenta a súa obra, gañadora do Premio Novacaixagalicia de poesía e que posúe un estilo diferente ao da produción anterior da súa autora. Nel, cunha linguaxe "clara e riquiña", faise unha reflexión arredor da lingua e da linguaxe. Para maiores de 14 anos.
  • Obradoiro-demostración de beatbox. Mércores 3/12 ás 19.00h. Carlos Gende "Xenderal" leva á Biblioteca, como xa fixo na súa inauguración, os ritmos máis actuais, xuvenís e urbanos cun taller-demostración de beatbox, a arte de facer música coa boca. Para maiores de 14 anos.
  • Masterclass: Introducción á creación de obxectos en 3D. Venres 5/12 ás 19.00h. Diego Mosquera e Javimos falarán con maiores de 14 anos sobre a creación de escenarios en tres dimensións, como casas, edificios ou faros, para incrementar a visibilidade en Internet.
  • Obradoiro washi-tape. Martes 9/12 ás 18.00h. O washi-tape é cinta adhesiva decorada, na súa maioría xaponesa ou coreana, que se puxo moi de moda ultimamente. Neste obradoiro con Patricia García traballaranse manualidades a partir destas cintas e ata onde a imaxinación alcance. Para maiores de 12 anos.
  • Presentación da novela "Dende o conflito". Xoves 11/12 ás 19.00h. A escritora e xornalista María Reimúndez presenta o seu traballo, gañador do último premio Xerais, o máis importante da literatura galega. Para maiores de 14 anos.
  • Concerto infantil "Brinca vai!". Xoves 17/12 ás 18.00h. Paco Nogueiras ofrece este concerto, dirixido a nenos e nenas maiores de 3 anos, baseado en dez cancións, das que tamén hai videoclips, moi divertidas e cheas de humor.
  • Masterclass: Comunicación sXXI: blogs, prensa dixital e Youtube. Venres 19/12 ás 19.00h. O programa de 2014 pecha cun debate con protagonistas de medios dixitais como blogs, prensa dixital ou Youtube, para poñer sobre a mesa as súas opinións como profesionais e intentando analizar cales serán as próximas tendencias na comunicación actual de forma global.

Os interesados/as poden descargar o programa completo de actividades nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: