Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Carballo, mirando ao mar" nace para seguir...

PRESENTACIÓN: VENRES 7 DE NOVEMBRO CUN CONCERTO GRATUÍTO

"Carballo, mirando ao mar" nace para seguir poñendo en valor a nivel produtivo, deportivo e ecolóxico a costa carballesa

Xoves 6 de novembro do 2014

A iniciativa preséntase o venres, 7 de novembro, cun concerto de balde no Pazo da Cultura, con dous grupos moi vinculados, nas letras e nos afectos, ao mar: Birimbao, e Os dous de sempre máis un. A cita é a partir das 21.00 horas e no acto aproveitarase para dar a coñecer as actuacións concretas que irán incardinadas no programa GAC. De seguido, está prevista a celebración da primeira das actividades do proxecto. Así, o domingo 9 de novembro está convocada unha ruta BTT de 45 quilómetros de lonxitude para presentar o roteiro ciclista deseñado ao longo do litoral carballés. Colabora na cita o Club Ciclista Monte Neme. Está convidado todo o mundo a participar e a saída está prevista para as 9.00 horas na Praza do Concello. Durante os próximos meses, estas dúas actividades completaranse con outras moitas culturales e formativas, tanto para adultos e adultas como para escolares. Así, como xa se mencionou máis arriba, organizaranse, para o alumnado de Infantil e Primaria, rutas de Razo a Baldaio; visitas ornitolóxicas, co fin de coñecer o paraíso que Baldaio supón para para as aves; e unha xornada coas mariscadoras da asociación Fonte de Santa Irene, coa fin de que pidan coñecer a súa forma de traballar e de relacionarse co mar. As rutas tamén están pensadas para seren realizadas polo alumnado de Secundaria, a quen, ademais, se dirixe a actividade denominada "bautismos de surf". Pretende promover entre a mocidade local a práctica deste deporte, que se desenvolve decotío nas diferentes escolas de surf do Concello.

Visitas guiadas, murais ou concursosAsí mesmo, haberá actividades para o público en xeral destinadas a dar a coñecer o espazo litoral de Razo-Baldaio. Serán visitas guiadas pola asociación ambiental Senda Nova, con ampla experiencia na creación e organización de rutas na zona. Botando man da creación, e dentro da iniciativa "Derrubando muros con pintura", centrada na arte urbana, está prevista a realización de varios murais ao longo do ano, tan pronto melloren as condicións meteorolóxicas, inspirados na costa e no mar. Así mesmo, organizaranse concursos de vídeos realizados dende dispositivos móbiles sobre a zona litoral. Tamén un concurso fotográfico e un certame poético que nutrirán de textos e imaxe o libro que se editará baixo o título "Carballo, mirando ao mar". Por último, a formación estará orientada a saídas profesionais relacionadas con ámbitos como a educación ambiental, a xestión de recursos mariños ou o marisqueo. Todo co obxectivo de seguir poñendo en valor a riqueza da costa carballesa.

Compartir: