Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 25 agrupacións musicais ofrecen os dez...

ACTIVIDADES ENTRE O 7 DE NOVEMBRO E O 3 DE DECEMBRO

Máis de 25 agrupacións musicais ofrecen os dez concertos que conforman o programa do Novembro con Música 2014

Xoves 6 de novembro do 2014

Observando as citas polo miúdo, no apartado de concertos individuais destacan dúas convocatorias. A primeira delas é o concerto que a pianista carballesa Cristina Rodríguez, que iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio de Carballo e que rematará este ano no Superior da Coruña, ofrece o venres 14 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura a partir das 21.00 horas. Segundo explica, este recital é un paso máis na preparación do exame de fin de carreira, que se celebra diante de público pero tamén coa presenza dun tribunal cualificador. Agradeceulle ao Concello a oportunidade brindada, e as "facilidades" ofrecidas para preparar a cita, que asegura que ofrece un "repertorio ameno e variado" con pezas que van dende o século XVII ata os ritmos máis actuais, con propostas do barroco, o clasicismo, o romanticismo e máis actuais, mesmo con música cubana. A segunda está prevista para o venres 21 de novembro, tamén ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Aproveitando a súa xira internaciónal, o músico arxentino Fernando Viciconte presenta seu último traballo "Leave the Radio On". De orixe galega e afincado nos EEUU, conta cunha ampla traxectoria no eido da música rock, coutry e indie rock. Viciconte ten publicados seis traballos musicais e está considerado polo portal web ReverbNation un dos músicos independendes máis descados no seu estilo. Un dos aspectoa máis salientables deste músico é a súa orixinalidade compositiva, así como o apoio de músicos da altura de Peter Buck e Scott McCaughey do famoso grupo REM.

Sons de aquí, música coral e de bandaO programa arrinca, porén, cunha proposta de dous grupos musicais de folk fusión, Birimbao e Os dous de sempre máis un. Trátase dun concerto no que, baixo o título "Carballo, mirando ao mar", estes artistas poñen música á presentación deste proxecto do Concello de Carballo co Grupo de Acción Costeira Costa da Morte. E continúa o sábado 15 de novembro con outra proposta grupal, o xa tradicional concerto "Sons de aquí". As dez agrupacións que participan dan boa mostra da riqueza do noso patrimonio musical e das asociacións que traballan neste ámbito. Son a Banda de Gaitas Municipal de Carballo; as Cantareiras San Campio de Cances; o Grupo de Gaitas Lembranzas de Bergantiños de Bértoa; a Asociación Cultural Argazo; o Grupo de Gaiteiros San Cristovo; o Grupo de Cantareiras San Martín de Razo; as Cantareiras Xoldreira da AC Nemeth; as Cantareiras e Cantareiros da AC Arume; a Escola de Gaitas da AC Arume; e as Cantareiras Névedas da AX Arume. O tradicional concerto da Banda Municipal de Carballo terá lugar o sábado 29 de novembro. O repertorio contén música de distintos xéneros musicais (pasodobres, temas de zarzuela e composicións clásicas e contemporáneas) para os amantes da música deste tipo de formación musical (a banda). Como ven sendo habitual, dirixirá o concerto, Vicente Pérez Planells.

Mención aparte merece a música coral que, como habitualmente no programa do Novembro con música, conta con dous concertos. O venres 28 celébrase o Festival de Corais, no que participan o Coro Aires de Bergantiños (con temas tradicionais galegos) e a Coral Polifónica de Bergantiños (dedicada á polifonía máis clásica). Ao final do concerto teñen preparada unha sorpresa para os asistentes. E o sábado 22 de novembro ten lugar o tradicional concerto de Santa Cecilia, que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños, na que esta agrupación celebra a festividade da patrona dos músicos/as invitando a corais doutros concellos para este evento. Este ano contaremos coa participación das Corais Polifónica e Xuvenil Agarimo de Sillobre e a anfitriona, a Coral Polifónica de Bergantiños á que acompañará o Coro de Voces Brancas de Carballo. Tamén cada ano inclúese unha proposta En Familia. Neste caso, preséntase a compañía de teatro e música profesional Animundis de Carballo, que acaba de crearse hai 3 meses. Pese a ser unha nova formación, conta con actores e músicos experimentados. O domingo 30 de novembro ás 18.00 horas estrean o espectáculo "Animundis", un divertido musical no que dous protagonistas un pingüín e un kiwi (paxaro australiano) farán todo o posible por conseguir un soño.

Obradoiros e actividades paralelasA Biblioteca Rego da Balsa incorpórase este ano ao programa con dúas accións musicais que organiza o Servizo de Normalización Lingüística. Así, un ano máis volven os obradoiros de nanas impartidos polos coñecidos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que están dirixidas aos pais e nais acompañados dos seus cativos e cativas e que precisan de incripción previa. Terán lugar os mércores 19 e 26 de novembro de 17.00 a 19.00 horas. Por último, o mércores 3 de decembro ten lugar un obradoiro de beatbox, impartido por Carlos Gende "Xenderal", que tamén require de inscrción previa e que está dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos interesados nesta disciplina tan urbana de facer música de boca. Por último, o Novembro con música conta con actividades paralelas en forma de exposicións e citas teatrais. En primeiro lugar, cunha exposición da artista carballesa Antonia Villaverde Pumar, que se inaugura o 13 de novembro na sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1). Tamén figura neste programa a función "Kassa" da compañía Elefante Elegante que se estrea o 4 de decembro e da que no seu momento darase cumprida información. Finalmente, en colaboración co CIM, e con motivo do acto conmemorativo do 25 de novembro contra a violencia de xénero, a compañía teatral Chévere pon en escena para o alumnado de 2º de Bacharelato de Carballo, o espectáculo "As fillas bravas" A función terá lugar ás 13.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa completo de actividades máis abaixo nun documento en pdf nesta mesma nova.

Compartir: