Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Carballo, mirando ao mar" naceu entre música e...

NUMEROSA PARTICIPACIÓN NA RUTA BTT CELEBRADA O 9 DE NOVEMBRO

"Carballo, mirando ao mar" naceu entre música e deporte para achegar o litoral de Razo e Baldaio á capital municipal

Luns 10 de novembro do 2014

As accións concretas que abrangue "Carballo, mirando ao mar" continúan ata xuño de 2015, tamén cunha Campaña de dinamización e sensibilización do LIC Razo-Baldaio que inclúe actividades para escolares de Primaria e Secundaria e para o público en xeral: rutas ornitolóxicas, sendeirismo, marisqueo, surf, un safari fotográfico, vídeos ou a creación de grupos de voluntariado de limpeza e conservación do espazo natural, así como as citas de divulgación como o concerto ou a ruta BTT xa celebrados. A divulgación dos valores de Razo-Baldaio chegará tamén á capital municipal con iniciativas como a elaboración de murais urbanos sobre o LIC ou un premio poético-fotográfico. E ademais, levaranse a cabo talleres sobre o sector marisqueiro e sobre as oportunidades de emprendemento relacionadas coa posta en valor da zona costeira dende perspectivas sustentables. "Carballo, mirando ao mar" é un proxecto que xira arredor do mar, do surf, do marisqueo, da hostalería, do tecido asociativo, da comunidade educativa e de distintos axentes que deben implicarse no desenvolvemento das accións propostas. O Concello de Carballo quere dinamizar o turismo para convertelo nun motor de desenvolvemento económico e xeración de emprego, poñendo en valor o seu litoral, o seu dinamismo social e as potencialidades dos seus recursos a través dunha oferta de calidade, sustentable e non estacional.

O proxecto terá unha ampla difusión. A través das páxinas web e redes sociais do Concello e de Turismo Carballo teredes información puntual sobre todas as iniciativas, tamén a través do Facebook "Carballo, mirando ao mar". Podedes ver unha pequena galería de imaxes das primeiras actividades de "Carballo, mirando ao mar", clicando aquí.

Compartir: