Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello tramitou un total de 243 expedientes...

SEGUNDO A ORDENANZA MUNICIPAL E A LEI DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O Concello tramitou un total de 243 expedientes para a limpeza de soares urbanos e parcelas rústicas nos anos 2013 e 2014

Xoves 13 de novembro do 2014

Hai que lembrar que no caso dos soares do casco urbano, os propietari@s teñen a obriga de manter as súas parcelas limpas e libres de residuos, evitando o crecemento incontrolado de maleza e outros vexetais que afecten ás parcelas colindantes, e que en ningún caso poderán invadir as vías públicas. No caso da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, o obxectivo é defender os montes ou terreos forestais fronte ao lume, así como protexer ás persoas e bens que puideran resultar afectados por eles. Para iso, os propietarios dos terreos deben cumprir unha distancia de seguridade entre as plantacións forestais e as vivendas, ademais de manter un perímetro de seguridade libre de maleza tamén arredor das vivendas. Naqueles casos en que os propietarios non asuman a limpeza dos soares ou fincas é cando pode abrirse un expediente -ben de oficio por parte do Concello, ben a instancias dunha reclamación- no que se inclúe unha orde de execución dos traballos, na que se fixarán todas as obras a realizar, así coma o prazo máximo para efectualas. Transcorrido o prazo concedido para dar cumprimento á orde de execución, o Concello poderá ordenar a execución subsidiaria ou forzosa, mediante imposición de multas coercitivas e o pago dos traballos realizados. O Concello prega aos veciños e veciñas que cumpran voluntariamente con esta normativa, no caso dos soares urbanos para contribuír a evitar a proliferación de terreos baldeiros no núcleo que rompan coa continuidade construtiva; e no caso da Lei 3/2007, para colaborar na loita contra os lumes forestais.

Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova a Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo. Na imaxe pode verse un dos soares limpados recentemente na capital municipal.

Compartir: