Inicio Carballo ao día Hemeroteca As praias carballesas obteñen dous...

NA TEMPADA DE PRAIAS TAN SÓ SE REXISTRARON 8 DÍAS DE "BO TEMPO"

As praias carballesas obteñen dous certificados internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos

Venres 14 de novembro do 2014

Durante a presentación dos novos distintivos para as praias carballesas, tamén se realizou un balance da tempada de praias do ano 2014, que estivo marcada fundamentalmente polas malas condicións meteorolóxicas. Javier Souto Facal subliña que dos 92 días en que estivo activo nos areais o servizo de salvamento e socorrismo, tan só oito foron considerados de "bo tempo", con "ceos despexados e sen vento". Isto repercutiu directamente na actividade desenvolvida nos postos de primeiros auxilios, un total de cinco repartidos en Razo (3), Baldaio-As Saíñas (1) e Pedra do Sal (1), que baixou nun 40 por cento respecto do mesmo período do ano anterior. Así,o total de atencións rexistradas é de 353, con 238 en Razo e 115 en Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal, mentres que en 2013 tan só en Razo xa se tiñan rexistrado 359. Respecto dos salvamentos, Souto Facal sinala que se mantén a media dos últimos 14 anos de un ou dous rescates por tempada. Desta volta, rexistrouse un salvamento en Razo o sábado 23 de agosto na zona intermedia do areal dun veciño de Carballo de 51 anos; e outro o 1 de setembro en Baldaio-As Saíñas nas proximidades do posto de socorrismo e no que estivo implicado un mozo de 22 anos veciño de Inglaterra. Así mesmo, o luns 11 de agosto rexistrouse unha fractura de xeonllo e o 17 de agosto atendeuse a un veciño que salvou a vida grazas, segundo resalta Souto Facal, á rápida intervención de catro socorristas e a que os postos das praias carballeses están cardio protexidos. O responsable de Protección Civil sinala que o 061 felicitou á súa chegada aos socorristas pola súa actuación.

Estado das zonas de baño

Javier Souto Facal tamén quixo mencionar o estado das oito zonas de baño das praias carballesas, con 4 en Razo, 3 en Baldaio e 1 en Pedra do Sal. O responsable de Protección Civil resalta que "todas están sanitariamente controladas" e que excepto no caso do peche puntual da zona de baño da Explanada de Razo, todas "teñen unha calidade excelente de auga e non rexistraron ningunha incidencia". Así mesmo, Marcos Trigo resalta que "dende os peches de xullo ata o final da tempada de praias non houbo ningunha incidencia e todas as análises deron ben en todas as zonas". Para Souto Facal, a Explanada está marcada por un "punto desfavorable" no que conflúen varios regos chegados de Oza e Razo nos que verten "augas pluviais e de todo tipo", mais que, en xeral, todas as zonas son "excelentes a nivel sanitario". O responsable de Protección Civil quixo agradecer o traballo dos voluntarios que facilitan o labor durante o verán e o Alcalde, Evencio Ferrero, felicitou ao servizo de salvamento e socorrismo do litoral carballés "porque agora as incidencias son mínimas". Ferrero, lembrou que o Concello loitou por mater o servizo de socorrismo con 32 efectivos xa que se considera "un servizo prioritario" e fundamental que non debe recortarse ou desaparecer a causa da crise económica. Por último, subliñou a importancia dos certificados europeos obtidos, como "un paso máis" no traballo por mellorar cada vez máis a calidade das praias.

Compartir: