Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno inclúe a aprobación dunha...

A MEDIA DE PAGO A PROVEDORES ESTÁ EN 27,13 DÍAS

O pleno inclúe a aprobación dunha declaración contra a violencia de xénero polo 25 de novembro e outra referida a José Mato

Venres 21 de novembro do 2014

Entre os asuntos de trámite, o pleno recolle a modificación da composición da Mesa local de Comercio. Así, está previsto que se incorpore ao organismo a Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do barrio da Milagrosa, polo que, ademais do representante desta entidade, deberá incorporarse á mesa un membro da corporación, como así o esixe a normativa. Será proposta a Tenente de Alcalde e Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes Seara. Outro dos asuntos incluídos na sesión refírese á aprobación dun acordo de imposición e ordenación de prezos públicos por actividades de Formación e Emprego do Concello. Así, do mesmo xeito que ocorre nas áreas de Servizos Sociais ou Cultura, acórdase que as actividades realizadas no Fórum Carballo relacionadas coa formación e o emprego poderán ser obxecto destes prezos regulándose así o uso das instalacións por parte de distintas entidades. Os prezos estipulados para cada caso, que mesmo poden ser gratuítos, serán asignados pola Xunta de Goberno Local. A orde do día recolle tamén a aprobación definitiva do estudo de detalle da parcela E-41 da rúa da Madeira no Parque Empresarial de Bértoa. Trátase dunha das parcelas do polígono orientadas cara a circunvalación de Carballo e na que se está construíndo unha nave. Trátase dun trámite necesario para conseguir a autorización correspondente.

No apartado de mocións, a sesión debaterá unha proposta do PP en relación á construción da Autovía da Costa da Morte. Así, no texto solicítase que se inste á Xunta de Galicia a que se retomen as obras da autovía e a que se cumpran os prazos estipulados para a realización da actuación. Por último, no apartado de Seguimento de órganos de Goberno, recóllese o Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2014. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o Concello vén de mudar á responsable da área de Intervención por xubilación, polo que, aínda que seguen cumpríndose os prazos estipulados por lei de pago a provedores -que deben ser inferiores a 30 días- a media é algo superior ás anteriores. Pasouse dunha media de aproximadamente 15 días a de 27,13. Non obstante, Ferrero espera que coa adaptación do servizo á nova xestión, os índices volvan reducirse en trimestres sucesivos. Durante o terceiro trimestre de 2014 pagáronse en prazo 1.1313 facturas por un importe superior ao millón e medio de euros. Fóra de prazo, cun exceso de 19,48 días, pagáronse 119 facturas. Rexistrouse un único pago fóra de prazo a final de trimestre por 0,3 céntimos de euro. Respecto do informe preceptivo do Marco Orzamentario, o Alcalde explica que se cumpre a regra de gasto, así como o obxectivo de estabilidade e o documento xa ten sido enviado ao Ministerio de Facenda.

Compartir: