Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo conmemora o 25 de Novembro coa Feira das...

OS ACTOS PECHAN O MARTES 25 CUNHA FUNCIÓN DE TEATRO MUSICAL

Carballo conmemora o 25 de Novembro coa Feira das Asociacións e coa lectura dunha Declaración contra a violencia machista

Luns 24 de novembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, foi o encargado de ler a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional conta a violencia machista, nun texto que está previsto aprobar na sesión plenaria ordinaria de novembro que se celebra o luns 24 ás 20.30 horas. Aquí pode lerse o texto íntegro desta declaración:

A violencia machista é unha realidade que segue a golpear con crueza. O 24 de marzo deste mesmo ano a Secretaría Xeral de Igualdade facía público o "Informe anual de seguimento da Lei galega 11/2007 do 27 de xullo para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero" que deixaba uns datos demoledores que deben ser combatidos por toda a sociedade.

É un feito incontestábel que non podemos continuar a contar o número de mulleres asasinadas e os numerosos casos de agresións físicas e psicolóxicas sen tomar medidas que impliquen ao conxunto da cidadanía e trasladen ás mulleres un verdadeiro apoio e a garantía de respectar o seu dereito a vivir unha vida digna e sen violencia, creando, deste todos os estamentos da vida social, a conciencia necesaria de que a violencia machista só pode merecer a tolerancia cero desde institucións e organizacións políticas.

É responsabilidade do conxunto da cidadanía e, en particular, das persoas con responsabilidades políticas, garantir o cumprimento das leis orgánica e galega, protexer ás vítimas da violencia machista e as/os menores ao seu cargo, solicitar que os medios de comunicación non contribúan a crear e manter prexuízos sexistas, traballar para que a comunidade educativa eduque verdadeiramente en igualdade e denunciar todas e cada unha das agresións que as mulleres sofren no día a día.

Co obxectivo de exercer este compromiso día a día, no marco da celebración todos os días dos contidos que só parecen existir arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional conta a Violencia contra as Mulleres, a corporación municipal de Carballo acorda:

1.Trasladarlle á Xunta de Galiza o compromiso do Concello de Carballo na colaboración necesaria do cumprimento da Lei Galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
2.Apoiar o asociacionismo que traballa no combate contra a violencia de xénero e desenvolver, en colaboración co tecido social, novas campañas de concienciación sobre a responsabilidade social e a necesidade de illar aos agresores.
3.Deseñar un plan de sensibilización permanente contra a violencia machista que englobe o conxunto da sociedade.

As últimas citas, para concienciar aos nenos e nenasHai que lembrar que as citas do 25 de Novembro rematan o propio martes con actividades de concienciación para os máis cativos e cativas e para mozos e mozas. Así, os nenos e nenas do CEIP Gándara-Sofán contarán cunha sesión específica de contacontos na que reflexionar sobre a violencia de xénero, o martes 25 de novembro ás 10.00 horas. De forma transversal co programa do Novembro con Música 2014, os actos complétanse cunha función de teatro musical a cargo da compañía Grupo Chévere, que poñen en escena para o alumnado de 2º de Bacharelato o espectáculo "As fillas bravas". A cita está prevista tamén para o día 25 ás 13.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. "As fillas bravas" son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento. Con esta peza, Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero é tamén realiza un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

Compartir: