Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proxecto "Derrubando muros con...

PRESENTACIÓN: MÉRCORES 26 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS NO FÓRUM

O proxecto "Derrubando muros con pintura" transfórmase tamén nunha curta documental da man de Mamá Lola Studios

Martes 25 de novembro do 2014

Fran Rodríguez quere resaltar varios aspectos do traballo. En primeiro lugar, que non se trata dunha reportaxe porque dende Mamá Lola, como carballeses, quixeron achegar o seu "punto de vista", algo que encaixa máis no formato de documental. En segundo lugar, que colleron a música de artistas consagrados como Édith Piaf, mais a peza conta con música de grupos de Carballo e cunha composición orixinal creada por Nanny Mouro, outra das patas de Mamá Lola, para ilustrar un documental no que, o que se escoita por enriba de todo son as voces dos artistas. Tamén se prestou especial atención ao "seguimento dos murais" e a parte da evolución da maioría deles, mesmo situando cada obra nun mapa de Carballo. Outro dos aspectos que quere salientar Rodríguez é que "aínda que pareza mentira", polo "feísmo" que nalgúns casos se pon de manifesto, "todas as imaxes están tomadas en Carballo". Non obstante, os creadores non quixeron ser neutrais porque "gustounos moito a iniciativa a nivel persoal" e cren que é unha forma moi boa para combater este "feísmo" carballés. Despois da presentación diante do público local, o obxectivo de Mamá Lola é o de presentar a peza en distintos festivais, máis que coa arela de buscar algún premio -aínda que se caera algún sería benvido-, co obxectivo de dar a coñecer "Derrubando muros con pintura" por toda Galicia e mesmo alén das fronteiras galegas.

Os interesados e interesadas poden ver un clip en Youtube coa cabeceira do documental, máis abaixo nesta mesma nova. Tamén é posible consultar unha "Guía práctica para visitar Derrubando muros con pintura" creada por Turismo Carballo, clicando aquí.

Compartir: