Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aproba as declaracións sobre o 25...

OS ASISTENTES PROTESTARON POLA ORDENANZA DE RECOLLIDA DE LIXO

O pleno aproba as declaracións sobre o 25 de novembro e José Mato nunha sesión suspendida polas interrupcións do público

Martes 25 de novembro do 2014

Respecto do fondo da cuestión, referida a que os veciños e veciñas presentes solicitaron a derrogación da Ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo por incluír no cobro a todas as vivendas habitables, Regueira tamén aclara que "legalmente temos que cumprir" xa que calquera acordo que vaia contra esa normativa "sería nulo de pleno dereito" porque "as administracións públicas non poden tomar acordos ilegais". Subliña que en ningún caso se vai cobrar a taxa a vivendas "non habitables", e Ferrero engade que dende 1998 o servizo de recollida de lixo deixa de ser prezo público para pasar a ser unha taxa, e polo tanto "de recepción obrigatoria" para todas as vivendas habitables, estean ou non ocupadas, ademais de que existe xurisprudencia ao respecto, mesmo sentenzas do Tribunal Constitucional, que esixen o cumprimento da ordenanza tal e como está aprobada nestes momentos. O Alcalde salienta que "o lixo afecta ao conxunto da sociedade carballesa", porque "ou pagamos 64 euros todas as vivendas habitables ou se incrementa considerablemente o importe para os residentes en vivendas ocupadas que xa están pagando agora". Así mesmo, Regueira explica que "vir reiteradamente a un pleno a reclamar que non se pague o lixo parécenos unha situación ilóxica", sobre todo "cando hai verdadeiros dramas arredor do tema da vivenda".

O Alcalde tamén quere aclarar que as protestas a estas alturas non poden obter ningún froito porque os trámites necesarios para a modificación e aprobación dunha nova ordenanza impiden que puidera aplicarse para entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2015. O pleno de outubro rexeitou a modificación da normativa tal e como está sendo aplicada nestes momentos, e xa que non é posible realizar ningún cambio para que entre en vigor antes de 2016, o Alcalde explica que o máis convinte é que, a estas alturas, sexa "a nova corporación a que fale da taxa do lixo nas vivendas" despois da súa nova constitución tralas eleccións municipais de 2015. Así mesmo, tanto Regueira como Ferrero quixeron lembrar que o servizo para 2015 segue a ser deficitario en 150.000 euros, polo que ou pagan todos os veciños e veciñas con vivendas habitables ou o custo deberá repercutir nuns poucos. "O que deixan de pagar uns, terano que pagar outros", resalta Ferrero. Por último, o Alcalde quixo subliñar que "os plenos son públicos e os cidadáns están convidados a asistir, o que non poden é interromper aos seus propios representantes", xa que a corporación reflicte os votos de toda a cidadanía carballesa e porque "a vida municipal non a poden paralizar persoas alleas á corporación".

Compartir: