Inicio Carballo ao día Hemeroteca Animundis, nova compañía teatral en Carballo,...

DOMINGO 30 DE NOVEMBRO ÁS 18.00 HORAS, DE BALDE

Animundis, nova compañía teatral en Carballo, estrea na vila a súa primeira produción, un musical para público infantil

Xoves 27 de novembro do 2014

Benjamín Queiro, que estivo acompañado na presentación de Animundis polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Concelleira de Cultura, Mar Eirís, explica que un dos motivos para estrear en Carballo é que na compañía hai xente como el mesmo, nacido en Vimianzo pero residente en Carballo dende hai dous anos, así como outras persoas da vila ou tamén residentes nela. Outro dos motivos é a "aposta decidida polo teatro" que fai Carballo, non só co FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro), senón con outra programación estable ao longo do ano e tamén polas "boas instalacións" do Pazo da Cultura e a boa disposición da Concellaría para facilitar a estrea. Entre bromas, mesmo pediu desculpas aos seus veciños de Vimianzo por non estrear alí. Ao contrario que noutras producións teatrais, en "Animundis" Queiro creou a música antes que o texto, creando unha peza moi dinámica e participativa para os cativos e cativas e na que hai elementos como unha catapulta (que Queiro trouxo con el para a rolda de prensa) cuxa función poderá descubrir o domingo o público que se achegue ao Pazo da Cultura; e tamén ilustracións para acompañar a obra. Subliña que se trata dunha función infantil, pero na que tamén se persegue "que os pais movan o esqueleto". A creación da compañía e da música comezou hai dous anos, mentres que levan preto de seis meses co proceso de ensaios, adaptación e axustes dende que se rematou o guión, en xuño deste ano.

Dous actores e catro músicos en escenaAnimundis, salienta Queiro, espera facerse cun oco no panorama teatral para público infantil que en Galicia é moi amplo, variado e de calidade, con "compañías moi boas". Para iso, aposta non só pola música, senón tamén polas novas tecnoloxías e os elementos audiovisuais, con seis artistas (un actor, unha actriz e catro músicos) enriba do escenario, e tres técnicos detrás. Carlos Sante está na dirección; Manuel Dourado na imaxe e son; María Alejandra Rodríguez detrás da escenografía; e Ramón Santos, que ten traballado para compañías como Yllana, no vestiario. Os actores son Anita Baker e Keke Diez. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís quixo dar a benvida a esta nova compañía "con integrantes veteranos" que contan "con ampla traxectoria en solitario". O Alcalde, Evencio Ferrero, declarouse "encantado de que se fagan estreas" así como "novos proxectos artísticos, teatrais e tamén económicos", xa que, engade, "sempre insistirei en que dinamizando actividades culturais tamén se está dinamizando a economía". Quixo animar á xente a que se achegue ao Pazo da Cultura e desexou que Animundis conte no futuro cunha longa e exitosa traxectoria para que el mesmo poda comentar "a esa compañía vina debutar eu hai moitos anos en Carballo".

Compartir: