Inicio Carballo ao día Hemeroteca Elefante Elegante estrea en Carballo "Kassa",...

O XOVES 4 DE DECEMBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Elefante Elegante estrea en Carballo "Kassa", unha reflexión teatral multidisciplinar sobre a vivenda e os desafiuzamentos

Martes 2 de decembro do 2014

Gonçalo Guerreiro quere subliñar que a nova proposta segue a liña da compañía desde os seus comezos en 2007, que é o de acadar un "entretemento que non sexa superficial", de tal xeito que a xente marche do teatro "dunha forma distinta da que entrou". María Torres tamén resalta que seguen coa arela de "dar un paso máis", tanto na linguaxe como nas reflexións, "para construírmos algo" e "intentar sempre descubrir cousas". Neste caso, segundo subliña Dani Pais, un dos horizontes é a reflexión sobre "ideas que están flotando na sociedade" e sobre "os excesos consumistas" plasmados a través do mercado da vivenda. En verbas de Guerreiro, a proposta tamén busca un "espectador activo", xa que "Kassa" non pretende "contar unha historia, senón evocala". Como punto de inspiración, tamén contan coa axuda dun clásico, a "Metamorfosis" de Kafka, xa que, explica María Torres, do mesmo xeito que o protagonista dese relato "muda en cascuda porque ten un traballo no que non se realiza existencialmente", hoxe en día tense dado un paso máis, xa que "a xente se transforma en cascuda porque nin sequera ten un traballo". Ademais, "Kassa" en alemán significa "caixa rexistradora", outra referencia máis ás consecuencias da exacerbada sociedade de consumo actual.

A entrada é de balde, con convitePrecisamente ao fío dese concepto, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que acompañou á Elefante Elegante durante a presentación da súa proposta, salienta que "os concellos si que non poden ser caixas rexistradoras" porque "a cultura ten que estar ao servizo de toda a sociedade", do mesmo xeito que dende o Concello existe a "vocación de colaborar co teatro galego e con iniciativas empresariais como é a da cultura". Quixo convidar a todos os veciños e veciñas a que asistan o xoves ao Pazo da Cultura e a que "sigan apoiando o teatro", ademais de desexar que "queden moitas casas por construír e ningún desafiuzamento". Á súa vez, a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, quixo agradecerlle á compañía a súa decisión de contar con Carballo para realizar esta estrea. A cita é de balde, o xoves 4 de decembro ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Xa están a disposición do público os convites en horario de 10.00 a 14.00 horas nas oficinas de Cultura (1º andar) nun máximo de 4 entradas por persoa. Tamén no despacho de billetes do Pazo da Cultura a partir das 19.30 horas o mesmo día da representación. O espectáculo está recomendado para maiores de 14 anos. Hai que subliñar que o mesmo xoves hai unha pre estrea para alumnado de 3º de ESO ás 11.00 horas, tamén no auditorio do Pazo.

Os interesados e interesadas podendescargar a ficha técnica de "Kassa" máis abaixo nesta nova nun documento en pdf.

Compartir: