Inicio Carballo ao día Hemeroteca Mantense en suspenso a adxudicación do...

A RESOLUCIÓN DO TRIBUNAL: APROXIMADAMENTE EN DÚAS SEMANAS

Mantense en suspenso a adxudicación do Contrato de xestión do servizo de augas pola presentación dun segundo recurso

Xoves 4 de decembro do 2014

Gestagua alega que non contou co prazo necesario para formalizar a súa oferta diante do Concello. Así, hai que lembrar que o contrato aprobouse nun pleno extraordinario celebrado a finais de setembro despois de que os voceiros de todos os grupos municipais acordasen introducir certas modificacións nas condicións da licitación. Aínda que estas novas incorporacións non supuxeron, en verbas de Lantes, variacións substanciais no prego, a empresa di que non se cumpriron os prazos necesarios para que puidera adaptar a súa oferta a estes cambios. Por tanto, mentres o TACRC non dite unha resolución, non é aconsellable que se continúe coa adxudicación. En todo caso, hai que lembrar que a licitación do servizo é un trámite urxente xa que o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Viaqua, e sería preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. O Alcalde, Evencio Ferrero, xa avanzou que isto non será posible, xa que o tempo necesario para resolver a reclamación de Gestagua fai que sexa inviable facelo a tempo. Por todo o anterior, e para manter o servizo e ao mesmo tampo poder continuar co proceso de adxudicación, Milagros Lantes manifestou a intención do Concello de negociar con Viaqua unha prórroga que dure "o tempo necesario para que se resolva o proceso de adxudicación".

O novo contrato que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo" sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas.

Compartir: