Inicio Carballo ao día Hemeroteca O PXOM incorpora a Memoria Ambiental da Xunta e...

MANTERÍASE A CAPACIDADE RESIDENCIAL NUNHAS 30.000 VIVENDAS

O PXOM incorpora a Memoria Ambiental da Xunta e podería ir ao pleno para a súa aprobación provisional a primeiros de 2015

Xoves 4 de decembro do 2014

Segundo sinala Lantes, a Memoria Ambiental respalda a xustificación realizada respecto da necesidade de manter a capacidade residencial proposta polo equipo redactor do PXOM. Segundo o documento da Xunta "o exceso de solo urbanizable" vén dado porque un dos obxectivos prioritarios debería ser "o remate das tramas urbanas existentes" ao tratarse Carballo dunha vila con "presenza de entramados inacabados". Así mesmo, a Memoria non afecta para nada á cartografía do plan, polo que as modificacións esixidas poderán realizarse con celeridade. Tanto o Alcalde, Evencio Ferrero, como a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano manifestaron que a incorporación da Memoria Ambiental é unha "boa noticia", non só polos seus contidos, senón porque o trámite permitirá axilizar a aprobación provisional do planeamento. Así, o seguinte paso, unha vez que xa teñen sido informados todos os grupos municipais, é o de que o equipo redactor incorpore ao planeamento todas as modificacións incluídas na Memoria Ambiental e logo convocar unha Comisión de Urbanismo para poder presentar ante o pleno da corporación a proposta para a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Milagros Lantes calcula que isto podería suceder nun pleno extraordinario ao longo do mes de xaneiro, e, en todo caso, a primeiros de 2015. Logo o PXOM remitiríase unha vez máis á Xunta para que sancionase a súa aprobación definitiva.

Compartir: