Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presenta un orzamento de 22,3...

NON SE INCREMENTARÁN OS IMPOSTOS NO APARTADO DE INGRESOS

Carballo presenta un orzamento de 22,3 millóns para 2015, cunhas contas "realistas" e "prudentes" baseadas na solvencia

Venres 5 de decembro do 2014

Belén Lendoiro resalta que se trata dun presuposto que pretende, ao igual que nos últimos catro anos "garantir a viabilidade e calidade dos servizos" prestados polo Concello, e crear outros novos para todos os veciños e veciñas, "priorizando o benestar ao aumentar o gasto social"; convertendo o Forum nun centro de emprego, formación e promoción económica; e "cambiando Carballo a través das obras de humanización de rúas". A Concelleira subliña que se trata duns "orzamentos sen préstamos" que cumpren coa "regra do gasto e a estabilidade orzamentaria debido á baixa carga financeira" e que "persegue o aforro en todos aqueles aspectos que sexan mellorables". Analizando os números máis polo miúdo, no apartado de gastos Lendoiro explica que se organizan arredor de tres piares, o gasto social, a dinamización económica, turística e do emprego e os investimentos reais. Respecto dos gastos correntes (Capítulo 2), que soben en 125.540,54 euros, a Concelleira resalta que baixan os custos relacionados co mantemento e subministros, mais soben os relacionados coas concesións e os servizos, especialmente polo contrato de alumeado público, pola nova Biblioteca ou pola contratación do persoal docente do Conservatorio Profesional de Música, ademais de polo canon de Sogama.

En todo caso, as contas reflicten un incremento en gasto social, con 972.345,15 euros que se destinarán, entre outras cousas, a incrementar as axudas directas a particulares con 65.000 euros; a subir o importe para bolsas de estudo con 65.000 euros; e a "manter o compromiso" coas entidades sociais, culturais e deportivas do municipio cunha axuda prevista de 757.190,5 euros reflectida no capítulo 4 de transferencias correntes (que soben 432.329,2 euros respecto de 2014). Así mesmo, soben as cantidades destinadas ao fomento do emprego, con 561.122 euros; e á dinamización económica, con 473.628,44 euros. Lendoiro quixo resaltar ademais a creación dunha partida de 25.000 euros para integrar a Carballo no transporte metropolitano. Respecto dos investimentos reais, aínda que non reflicten o proxecto do Anllóns-Bardoso ou o Plan de investimentos da Deputación, ascenden a 3.703.275,24 euros. Recollen o Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS 2015) con 663.675 euros que de destinarán integramente a investimentos; melloras nas instalacións deportivas por 408.000 euros, como a mellora da cuberta do Pavillón Vila de Noia ou a dotación dunha caldeira de biomasa para a piscina Carballo Calero; melloras de vías no rural por 352.939 euros; a humanización da rúa Martín Herrera; ou 150.000 euros para o acondicionamento de parques infantís.

Respecto do capítulo 1 de persoal, o importe é de 6.146.667 euros, lixeiramente superior ao de 2014 ao recollerse a recuperación por parte dos empregados públicos do 25 por cento da paga extraordinaria de 2012, ademais de manterse as extras correspondentes do exercicio. En todo caso, en 2015 non se realizará incorporación de novo persoal, salvo a que poida derivarse da execución dos procesos selectivos correspondentes coa Oferta de Emprego Público.

No apartado de ingresos non suben os impostos

Os ingresos previstos supoñen un total de 22.753.238 euros e Lendoiro quixo subliñar que "non soben os impostos do Concello", aínda que si se incrementan os ingresos do capítulo 4 de transferencias doutras administracións debido a que os tributos do Estado si que se incrementan un 8,7 por cento con respecto de 2014 e teñen un importe de 798.393,24 euros. O capítulo tres de taxas e prezos públicos supón unha suba de 455.486 euros porque en 2015 regularase a través dunha ordenanza o uso das instalacións deportivas a través de prezos públicos, aínda que ese importe compensaráselle ás asociacións que fagan uso desas instalacións a través da liña de axudas a entidades, de tal maneira que non lles repercuta economicamente. O obxectivo desta operación contable é o de incrementar o esforzo fiscal do Concello para poder incrementar en varios miles de euros a achega que a administración local recibe do Estado, mais sen prexudicar ás asociacións deportivas. Respecto dos ingresos, tampouco se recolle a previsión polo canon da auga que deberá abonar a nova adxudicataria ao non poder entrar en vigor o novo contrato a primeiros de 2015 por estar momentaneamente paralizado o proceso de adxudicación.

Todas as previsións respecto de ingresos polo ICIO (Imposto sobre Instalacións, Construcións e Obras), o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles) ou o IAE (Imposto de Actividades Económicas) están calculadas á baixa tendo en conta o contexto de crise e outras conxunturas como a reestruturación das entidades bancarias. Segundo explica o Alcalde, "seguíronse as indicacións dos técnicos de tributos e de intervención" para non "estricar os ingresos" e manter o criterio de prudencia. Tampouco se vai a recorrer a ningún crédito para afrontar os gastos, incluído o pago das obras do Anllóns-Bardoso -aínda que as condicións financeiras si permitirían contraelo- seguindo coa máxima da "prudencia". Así, un dos obxectivos é o de "seguir reducindo a débeda" e conseguir que "Carballo teña capacidade para facer fronte a novos retos" nos exercicios vindeiros.

Os interesados e interesadas poden consultar as cifras concretas dos capítulos de gastos e ingresos en dous documentos en pdf nesta mesma nova.

Compartir: