Inicio Carballo ao día Hemeroteca A escritora María Reimóndez visita...

XOVES 11 DE DECEMBRO ÁS 19.00 HORAS

A escritora María Reimóndez visita a Biblioteca de Carballo para presentar a súa premiada última novela, "Dende o conflito"

Mércores 10 de decembro do 2014

María Reimóndez presenta unha novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que son as realmente importantes na vida. A autora de "Dende o conflito", María Reimóndez, é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. É autora de poesía ("Moda galega", "kleinigkeiten/cousiñas" ou "Presente continuo"), ensaio ("A alternativa está aquí" ou "Feminismos") e literatura infantil ("Usha, Lía e as zapatillas de deporte", "O monstro das palabras" ou "Volvo!"). Como narradora é autora de cinco novelas: "O Caderno de Bitácora" (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; "O club da calceta" (2006), finalista do Premio Xerais de Novela 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida a castelán e italiano, e adaptada tanto ao teatro como ao cine; Pirata (2009), traducida ao italiano; "En vías de extinción" (2012); e "Dende o conflito" (2014), Premio Xerais de Novela 2014. En 2014 gañou tamén o certame de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra "A dúbida", que foi publicada nese xornal ao longo do verán. É, ademais, fundadora da organización non gobernamental de cooperación ao desenvolvemento Implicadas/os no Desenvolvemento, que leva traballando desde o ano 1998 na India e en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable.

Compartir: