Inicio Carballo ao día Hemeroteca Panxoliñas, teatro, maxia, monicreques, o...

CITAS ENTRE O 13 DE DECEMBRO E O 11 DE XANEIRO

Panxoliñas, teatro, maxia, monicreques, o Apalpador ou as cabalgatas de Reis: protagonistas do Nadal Cultural 2014

Xoves 11 de decembro do 2014

Pero antes do Nadal Pequespectacular, o programa do Nadal Cultural comeza con música e cunha das citas máis esperadas como son os Cantos de Nadal que acompañan a Entrega de Premios do Concurso de Cartel e Postal de Nadal, patrocinados por Todo Lar. Este concerto ten a finalidade de achegar a música típica destas datas a través do traballo de diferentes formacións musicais de Carballo. Desta volta, xunto ás agrupacións infantís Coro Vagalume e Coro o Candil, que interpretarán un repertorio de panxoliñas, a cita conta coa presenza das Voces Brancas da Coral Polifónica de Bergantiños. O acto está previsto para o sábado 13 de decembro ás 18.30 horas no Pazo da Cultura. A entrada é de balde. Dentro das actividades musicais, tamén hai que mencionar o Concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música, o mércores 17 de decembro; as Noitiñas de Nadal no adro da Igrexa coa colaboración da Asociación Cultural e Xuvenil Arume de Berdillo o domingo 28 de decembro; ou varios recitais de panxoliñas organizados por distintas asociacións e nas parroquias.

A Ludoteca Municipal amplía de novo a súa programación con motivo do Nadal, neste caso con tres citas concretas. O luns 22 cun obradoiro de Árbore xenealóxica de Nadal a partir das 17.30 con entrada de balde para nenos e nenas; o martes 23 coa visita do Apalpador ás 18.00 horas; e o martes 30 de decembro coa tradicional Chocolatada a partir das 19.00 horas, unha maneira divertida de despedir o ano cos máis novos (é preciso convite previo). A incorporación ao programa da Biblioteca Rego da Balsa suma novas citas. A primeira o mércores 17 de decembro co concerto infantil "Brinca vai!", con Paco Nogueiras e para nen@s maiores de 3 anos; o xoves 18 o Apalpador tamén visita a Biblioteca a partir das 18.00 horas; a terceira cita é o venres 19 cunha Masterclass de comunicación sobre o "Século XXI; prensa dixital e Youtube" para maiores de 14 anos; e, por último, o sábado 27 é a quenda dun Obradoiro de postais de Nadal dende o móbil dirixido aos nenos e nenas e ás súas familias.

Cabalgatas de ReisNo Nadal Cultural nunca faltan as Cabalgatas de Reis, que percorrerán tanto o casco urbano como as parroquias de Carballo. Este ano serán doce as comitivas que percorrerán todo o municipio durante os días 4, 5 e 6 de xaneiro. As Cabalgatas das parroquias están organizadas polas súas asociacións e contarán cunha subvención do Concello de Carballo. Na Cabalgata de Carballo vólvese a contar para a coa axuda da Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude e coa colaboración económica do CC Bergantiños-Gadis Hiper, de La Caixa, que achega os caramelos, e de Automóviles Gonzacar e Alquileres Reneymar que proporcionan os vehículos que guían das carrozas e as infraestruturas complementarias para a carpa que se instala para a recepción dos Reis Magos.

O programa non esquece tampouco a promoción económica, co Concurso de Escaparates de Nadal que repartirá 1.750 euros en premios; ou coa animación do Apalpador, que visitará os comercios do barrio da Milagrosa o domingo 28 a partir das 11.00 horas. Así mesmo, os artistas e artesáns de Bergantiños organizan Mercarte, unha mostra das súas obras na que tamén haberá obradoiros para nenos e nenas. Tampouco faltan este ano as campañas solidarias como a recollida de xoguetes de Cruz Vermella; ou as citas relixiosas e de lecer da parroquia San Xoán Bautista. Mención especial merecen as actividades para a terceira idade, con dous festivais, un de Nadal e outro de Reis. O primeiro terá lugar o domingo 21 co Dúo Libertad no Pazo da Cultura ás 18.00 horas; e o segundo o domingo 11 de xaneiro co Dúo De Festa, no mesmo espazo e horario.

Na presentación do programa estiveron presentes José Manuel Naya, de Todo Lar, que fixo un chamamento para que continúe a intensa actividade cultural no Concello; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que desvelou as claves do programa. E o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que desexou que "o Nadal chegue a todos os currunchos" e que "estas datas sexan motivo de festa para todos e todas", nomeadamente para os máis cativos e cativas, quen máis gozan estes días. Ferrero tamén quixo agradecer a colaboración de todos os que fan posible a elaboración do programa: a (Agadic) Axencia Galega das Industrias Culturais e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, as asociacións culturais e as empresas de Carballo, como Todo Lar o Centro Comercial Bergantiños - Hiper Gadis, La Caixa, Automóbiles Gonzacar ou Alquileres Reneymar e a Deputación da Coruña.

Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova o programa completo do Nadal Cultural 2014, así como a imaxe gañadora do Concurso de Cartel e Postal de Nadal e o segundo premio. E clicando aquí pode accederse ao nome dos gañadores e gañadoras do concurso, no que participaron preto de 1.200 cativos e cativas de todo o municipio.

Compartir: