Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello aborda nun pleno extraordinario a...

A SESIÓN RETOMA OS ASUNTOS SUSPENDIDOS NO PLENO DE NOVEMBRO

O Concello aborda nun pleno extraordinario a aprobación dos orzamentos xerais da corporación para 2015, de 22,3 millóns

Venres 12 de decembro do 2014

No apartado de mocións, están presentadas tres, dúas herdadas da sesión ordinaria de novembro e outra nova, presentada polo grupo municipal do PP. As que non chegaron a debaterse no pleno anterior foron unha de TEGA relativa á Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e unha proposta do PP en relación á construción da Autovía da Costa da Morte. No primeiro caso, a de TEGA fora presentada no último momento e non chegara a ser incluída na orde do día ao non poder votarse a súa urxencia. Agora está nos asuntos a debater seguindo as canles habituais, aínda que á espera de que se inclúa unha emenda cun texto no que se solicita explicitamente a derrogación da modificación da ordenanza no que respecta ás vivendas baleiras. O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que serán os técnicos do Concello quen decidan sobre a legalidade do texto da moción, ao igual que no caso de mocións anteriores sobre o mesmo asunto. O PP, pola súa banda, solicita que se inste á Xunta de Galicia a que se retomen as obras da Autovía da Costa da Morte e a que se cumpran os prazos estipulados para a realización da actuación. Ferrero sinala que a moción agora carece de vixencia xa que os traballos veñen de comezar esta semana.

Respecto da terceira moción do pleno, segunda do PP, solicita que se inste ao goberno municipal a "solucionar os problemas de intensidade lumínica que existen en moitos barrios de Carballo" e a que "se resolvan as alegacións feitas polos veciños en relación coas retiradas dos focos". Respecto da primeira parte da moción, o Alcalde explica que "en todos os concellos o alumeado e a súa intensidade dependen do uso da vía e das súas características", e que os técnicos serán os que analicen as intensidades e a natureza do alumeado en cada punto. Respecto das alegacións, admitiu que se estudará polo miúdo a reposición dos puntos de luz que sexan necesarios. Por último, no apartado de Seguimento de órganos de Goberno, recóllese o Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei de medidas contra a morosidade relativo ao terceiro trimestre de 2014. Durante o terceiro trimestre de 2014 pagáronse en prazo 1.313 facturas por un importe superior ao millón e medio de euros. Fóra de prazo, cun exceso de 19,48 días, pagáronse 119 facturas. Fóra dos asuntos da orde do día, Evencio Ferrero desexou que a vida democrática municipal se desenvolva o luns 15 con normalidade e espera "que o público entenda que a soberanía dos veciños e veciñas reside no salón de plenos".

Compartir: