Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello xestionou 64 permisos para celebrar...

AS CITAS IMPLICARON A MOBILIZACIÓN DE 426 COLECTORES DE LIXO

O Concello xestionou 64 permisos para celebrar festas patronais e populares en 2014 que supuxeron 103 xornadas festivas

Venres 19 de decembro do 2014

Respecto do servizo de limpeza (que se realiza antes, durante e despois da festa) e que realiza Aspaber-UTE, houbo 58 solicitudes, que supuxeron un mínimo de 116 días de servizo, aínda que hai que que ter en conta que moitas das festas patronais poden durar ata seis días e precisan máis de dúas xornadas de limpeza. Para o servizo de préstamo de diferente equipamento, contabilizáronse 53 solicitudes de valados; 19 solicitudes para sillas; 5 solicitudes de taboleiros e cabaletes; 3 solicitudes de palco; 110 solicitudes para módulos de escenarios e 13 solicitudes para sinais de trafico. A Brigada de Obras é a encargada de levar e recoller os valados e os sinais dos lugares da festa, o que supuxo 98 servizos. Hai que ter tamén en conta que nalgúns casos hai que retirar puntos de luz ou bancadas e logo volvelos a poñer para poder colocar a infraestrutura necesaria para a festa. Respecto do alumeado festivo, houbo 21 solicitudes para colocar ata 123 arcos de luz, un labor que desde a nova concesión do servizo leva a cabo Ferroser. Cando o permiso inclúe botar fogos, a lei establece que cando a cantidade é superior a 10 quilogramos, hai que pedir permiso á Delegación do Goberno, sendo competencia municipal cando a cantidade é inferior a 10 quilos. No Concello presentáronse este ano 39 solicitudes de permisos. Así mesmo, a Concellaría de Cultura promove un acordo coas diferentes formacións musicais de Carballo a través do Convenio Musical, polo que se subvencionaron un total de 17 actuacións para 32 festas non patronais.

Melloras e acondicionamento de nove campos da festaO Concello tamén coida do bo estado das zonas reservadas nas parroquias para os festexos. Así, desde hai 10 anos desenvólvese un plan de mellora e acondicionamento dos campos da festa. Téñense realizado labores de mellora en Cances, Lema, Aldemunde, Entrecruces e Rus (xunto á Igrexa). Mentres que en Sofán, Ardaña, Artes e Berdillo, en colaboración coa veciñanza, mercáronse terreos e acondicionáronse espazos non só para mellorar áreas comúns, senón tamén para empregalas como área de estacionamento ou como zona para os festexos. Todos os anos hai una campaña de mantemento e limpeza da contorna dos campos da festa: ségase a herba, límpase o espazo e desbrózanse os seus accesos, así como tamén as zonas de estacionamento de vehículos. No apartado administrativo, hai que mencionar que toda organización dunha actividade de carácter festivo supón un gran esforzo para quen organiza, pero tamén una responsabilidade para o Concello. Detrás de cada solicitude hai que poñer en marcha un procedemento que afecta sobre todo ás áreas de Servizos e Seguridade.

Por último, o Concello pon a disposición da veciñanza o persoal dos servizos administrativos de Cultura para informar e asesorar ás diferentes asociacións sobre a normativa relativa ás festas, xa que cada permiso ten que ser tramitado e aprobado co correspondente decreto do Concello. O obxectivo da administración local é o de facilitar a celebración das festas con todas as garantías de salubridade e seguridade e con todos os medios necesarios para o seu bo desenvolvemento e permitir así o desfrute dos veciños e veciñas.

Compartir: