Inicio Carballo ao día Hemeroteca Desestimado o segundo recurso, presentado por...

HAI OUTRA RECLAMACIÓN PENDENTE, POLO QUE SE MANTÉN A SUSPENSIÓN

Desestimado o segundo recurso, presentado por Gestaqua, sobre o proceso de adxudicación do Contrato do servizo de augas

Venres 26 de decembro do 2014

En todo caso, ata que o Tribunal se pronuncie, non poderán abrirse os sobres da única oferta presentada por unha UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Acciona, Espina Obras Hidráulicas e Ramón Vázquez durante o prazo legal, de 30 días naturais, e que rematou o luns 3 de novembro. De determinar o TACRC que o prego de condicións precisa algunha modificación, pecharíase o proceso actual e comezaría unha nova licitación. Será o Tribunal o que determine todos os pasos a seguir, e o Concello espera que nun prazo aproximado de 15 días xa conte con todas as resolucións sobre o proceso. Tamén hai que lembrar que a licitación do servizo é un trámite que está en marcha porque o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Viaqua, e sería preciso contar o antes posible cunha nova empresa adxudicataria. Porén, o Concello xa ten negociada unha prórroga de seis meses con Viaqua que permitirá que se cumpran con todos os requisitos legais que esixa o Tribunal e que se realice o proceso de adxudicación con normalidade. O novo contrato que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo" sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas.

Compartir: