Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na...

VISITAN TAMÉN ONCE PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

Luns 5 de xaneiro do 2015

Respecto do percorrido pola vila, os Reis chegan en coches ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis escoltados pola Policía e Protección Civil, que serán os encargados de que todo o desfile transcorra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. As súas maxestades saudarán aos nenos e nenas antes de comezar o percorrido. O itinerario é o seguinte: Centro Comercial Bergantiños, estrada de Malpica, rúa Luís Calvo, rúa Barcelona, rúa Fomento, río Anllóns, Praza da Milagrosa, rúa Compostela, A Brea, rúa Verdillo, rúa do Sol, rúa Gran Vía, rúa Vázquez de Parga, Praza de Galicia, rúa Coruña (onde pararán para que as SS MM Os Reis Magos se acheguen á Igrexa Parroquial San Xóan Bautista) e, finalmente, dirixiranse cara a Praza do Concello onde recibirán a todos os nenos e nenas. O acto de recepción terá lugar na carpa que instalada diante do Concello onde poderán esperar os cativos e cativas e as nais e pais. Á chegada dos Reis, o Alcalde, Evencio Ferrero, en nome de todos os cidadáns de Carballo recibirá e saudará as súas Maxestades, que dirixirán unhas palabras a todos os asistentes. A continuación os nenos e nenas entregaranlle aos Reis as cartas en man e faranlle as peticións que desexen.

Recomendacións de seguridade

Os distintos servizos encargados da seguridade durante a celebración da Cabalgata de Reis, Protección Civil e Policía Local, recomendan a todos os país, nais e asistentes que teñan vixiados e suxeitos aos nenos e nenas que acudan a este acto e garden unha distancia de seguridade con respecto ás carrozas. Tamén se prega aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis e moita precaución cos carriños dos bebés, que non sobresaian das liñas do público. Débese respectar as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que supoñen un perigo engadido para os máis pequenos. En todo momento, débense atender e respectar as indicacións da organización e servizos de seguridade.

Compartir: