Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reinicia o proceso para licitar o...

O GOBERNO CONFÍA EN PODER ADXUDICALO ESTE MANDATO

O Concello reinicia o proceso para licitar o Contrato de xestión do ciclo da auga despois de coñecer a sentenza definitiva do Tribunal

Mércores 7 de xaneiro do 2015

Respecto da revisión de prezos e o equilibrio económico-financeiro, o Alcalde, Evencio Ferrero, explica que as fórmulas e cálculos se realizaron seguindo o exemplo dos contratos formalizados por outros concellos como o de Cangas, que no seu momento non foron impugnados e están en vigor na actualidade. Así, o cálculo para a revisión dos prezos das tarifas ligouse ao IPRI (Índice de Prezos Industriais), mais o TACRC considera que este índice é de "tipo xeral" polo que non serve como referencia para axustar os prezos. Así mesmo, o Tribunal recomenda a revisión da fórmula empregada para calcular a revisión de prezos, tamén sacada de contratos hoxe en vigor. Tamén se estima a posibilidade de que a empresa teña a oportunidade de reclamar o axuste destes prezos dende o primeiro ano de aplicación do contrato. E, por último, ditamínase a supresión da cláusula que recolle a posibilidade de que no futuro a adxudicataria se encargue da xestión do cobro do servizo do lixo ligándoo ao recibo da auga, como ocorre noutros concellos. Pensa que esta xestión non pode enmarcarse dentro do contrato, que debe referirse só ao servizo de augas. Milagros Lantes explica que, grazas á "prudencia" demostrada polo Concello, que non quixo seguir avanzando no contrato ata contar con todas as resolucións do TACRC, agora non hai ningún problema en realizar as modificacións pertinentes e abrir un novo proceso. Así, o sobre coa única oferta presentada na licitación que agora se pecha, retirarase sen ser aberto.

Un importe de 58,6 millóns de euros

A empresa que elaborou o contrato para o Concello xa conta coa resolución do Tribunal e traballa na incorporación das modificacións previstas, e, sobre todo, na elaboración dunha nova fórmula axeitada para calcular a revisión da tarifa, en opinión de Lantes e dos servizos técnicos do Concello, o punto máis relevante e que si afecta á futura execución do contrato por parte da adxudicataria, xa que o resto das recomendacións recollidas na sentenza poden ser facilmente incorporadas ao prego de condicións. Ademais, está previsto que o xoves 8 de xaneiro os voceiros de todos os grupos municipais manteñan a partir das 10.00 horas unha xuntanza na Casa do Concello para valorar a resolución do TACRC e traballar para conseguir axilizar o proceso e poder licitar o contrato antes de que remate o presente mandato cos comicios de maio de 2015. O seguinte paso será levar de novo ante o pleno da corporación a adxudicación do contrato e abrir un novo proceso de presentación de ofertas por un prazo de 30 días.

Hai que lembrar que a licitación do servizo é un trámite que está en marcha porque o 31 de decembro de 2014 rematou a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Viaqua, e sería preciso contar o antes posible cunha nova empresa adxudicataria. Porén, o Concello xa ten negociada unha prórroga de seis meses con Viaqua que permitirá que se cumpran con todos os requisitos legais que esixe o Tribunal e que se realice o proceso de adxudicación con normalidade. O novo contrato que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo" tería un importe de 2.342.000 euros anuais, cun custe total por todo o período do servizo próximo aos 58.600.000 euros.

Compartir: