Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha vintena de propostas enchen a programación...

TEATRO, MÚSICA, EXPOSICIÓNS OU MAXIA NO PAZO DA CULTURA

Unha vintena de propostas enchen a programación de lecer de xaneiro, febreiro e marzo da man dos Venres Culturais

Luns 12 de xaneiro do 2015

Organizando as propostas por bloques temáticos, en teatro hai un total de cinco espectáculos programados, o primeira deles xa o venres 16 de xaneiro con Talía Teatro que trae a Carballo a súa "Demolición", escrita e dirixida por Cándido Pazó, que define a obra coma un "comidrama". O venres 30 de xaneiro é a quenda de Grupo Chévere cunha nova entrega da súa "Ultranoite", neste caso "no país dos ananos". O espectáculo vén da man de dous autores emparentados por un lirismo tan afinado como insultante: Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro. Il Maquinario Teatro, que xa estiveron en Carballo coa impactante "O home almofada", regresa ao Pazo da Cultura o venres 6 de febreiro cunha proposta máis contemporánea escrita por un dos autores europeos de maior éxito na actualidade, Marius Von Mayenburg. Teatro do Atlántico presenta o venres 6 de marzo "O principio de Arquímedes", un texto de Josep María Miró i Coromina que ten colleitado importantes éxitos en Cataluña e mesmo a nivel internacional que agora cobra vida baixo a dirección de Xulio Lago. Pechan a proposta teatral EME2, Emoción&Arte con "O crédito" o xoves 19 de marzo. Os actores Antonio Durán "Morris" (agora tamén en cartel nos cines con "A Esmorga") e Pedro Alonso protagonizan unha comedia que nos enfronta a conflitos universais como o medo á soidade, o temor a perder aquelas cousas acadadas e o desequilibrio entre as relacións persoais.

A oferta musical conta con tres citas de calidade. A primeira con Fran Pérez NARF o venres 27 de febreiro, presentando "Cancións da lingua viaxeira". NARF é un compositor e cantante galego de longo percorrido que neste espectáculo, de formato intimista, recolle as mellores cancións dos seus últimos traballos discográficos, así como temas inéditos nacidos da intensa relación deste músico viaxeiro con artistas de países do ámbito da lusofonía. En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais e teatros de Brasil, Arxentina, Cabo Verde, Reino Unido, Mozambique, Cuba, Polonia, Chile, Suecia, India, etc. O venres 13 de marzo é a quenda de Acadacanto, un proxecto que dou en xuntar a catro grandes da música galega: Guadi Galego (voz), Xabier Díaz (voz), Guillerme Fernández (guitarra) e Xosé Lois Romero (acordeón), despois de ter coincidido entre eles en varios proxectos. Desta volta réndenlle tributo a Rosalía de Castro con "A rosa d´Andina". O RockCarballo é o encargado de pechar o venres 27 de marzo os Venres Culturais coa actuación de Amenaza de Muerte, Dude, Killer Cats, Strobos, Lowcos, Arabian Evils, Versión Imposible e Kids.

Ciclo "En Familia" e ata catro exposicións
En 2015 os Venres Culturais traen catro citas para o público familiar , todas en domingo ás 18.00 horas. A primeira o 25 de xaneiro con Tanxarina Teatro e "A casa do avó". Unha das compañías máis veteranas e recoñecidas do teatro de monicreques galego presenta un espectáculo de temática actual, xa que aborda os desafiuzamentos, desde o punto de vista dos nenos e nenas. O domingo 8 de febreiro Teatro da Semente presenta os seus "Chíos", un espectáculo sensorial para bebés de 0 a 3 anos no que as cantigas, os bailes, a música, os xogos e a estimulación olfativa e táctil, axudan a descubrir o mundo a través dos sentidos. Mundo Manxarina chega ao Pazo da Cultura o 1 de marzo co seu "Laboratorio máxico". A compañía -con Laura Muñoz- ten unha importante traxectoria nos circuítos de festivais e de actuacións de novo circo, e xa recolleu nos seus 10 anos de vida relevantes premios en España. E pecha o programa Cándido Pazó coa súa compañía, Abrapalabra Creacións Escénicas, e "Ra, ra, ra". Trátase dun divertido espectáculo no que as ras, perdéndolle medo á noite, aprenden a cantar. A compañía de Cándido Pazó presenta o seu primeiro espectáculo familiar, unha proposta directa ao corazón do público con verso e prosa, entretemento e poesía, cancións e música.

O programa ofrece, así mesmo, catro exposicións. A primeira entre o 15 de xaneiro e o 8 de febreiro coa "Tinta" fotográfica de Juan Casares, un artista vinculado a Carballo desde a súa infancia. Pertence ao colectivo de artistas de Carballo "Creaformas" e está estudando na Escola Internacional de Fotografía GrisArt, de Barcelona. Do 29 de xaneiro ao 1 de marzo é a quenda da pintura con Xulio García Rivas, Licenciado en Belas Artes e na actualidade é profesor de debuxo no IES Alfredo Brañas, de Carballo. Presenta traballos inspirados na memoria da paisaxe sobre papel, acrílicos de gran formato e acuarelas de formato menor. Do 12 de febreiro ao 1 de marzo o programa volve á fotografía con Rita Blanco Fernández e "Xunguir non é esmorecer, senón sumar". Trátase dunha mostra composta por fotografías e traxes auténticos de tres figuras do Entroido ourensán: a Pantalla, o Felo e o Vergalleiro, representativas respectivamente do Entroido de Xinzo de Limia, Maceda e Sarreaus de Xinzo. AS exposición pechan con "Distintas miradas" da Asociación Fotográfica Os Potiños, entre o 12 e o 29 de marzo. A entidade do Carballiño (Ourense) ten xa trinta anos de traxectoria e foi adaptando a súa actividade aos cambios tecnolóxicos que se teñen producido no mundo da fotografía. Desta volta presentan retratos, paisaxes, xeitos de vida e fotografías persoais e familiares.

Estrea documental e TEDxGaliciaPor último, non hai que esquecer as actividades paralelas, este ano con dúas citas. Por unha banda, o TEDxGalicia, un programa de conferencias locais organizadas de forma independente que non tratan de dar respostas, senón confrontar opinións e xerar dúbidas sobre distintos temas. A temática desta edición é "Faino ti", buscando provocar a reflexión sobre as responsabilidades individuais e a capacidade persoal que temos para alterar a realidade e provocar o cambio que efectivamente queremos. Participarán 10 relatores, sobre temas tan variados como emprendemento, acción social ou arte, e contará coa presenza da carballesa Milagros Cotelo. Será o venres 23 de xaneiro. Xa o sábado 7 de febreiro é a proxección da película documental dirixida por Cora Peña "O tesouro de Corcoesto", na que se abord o proxecto da mina de ouro e as súas repercusións nas vidas dos veciños e veciñas do lugar.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa completo de actividades nun documento en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Compartir: