Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo conta cunha nova casa de acollida, Fogar...

DO SERVIZO PODERÁN BENEFICIARSE MULLERES DE TODA A COMARCA

Carballo conta cunha nova casa de acollida, Fogar Dona Basilisa, xestionada por Cáritas e situada no barrio da Milagrosa

Luns 19 de xaneiro do 2015

Julián Barrio destacou nas súas verbas que, aínda que o sábado foi un "día de inverno" debido ás condicións climatolóxicas, en realidade, para a comunidade parroquial de Carballo e para toda a bisbarra de Bergantiños foi "un día primaveral", xa que esperan "novos días de sol nos que todos estamos chamados a ir creando unha sociedade máis humana e máis fraterna". Finalizou a súa intervención dicindo que sempre haberá "unha nai para cen fillos" e espera que Cáritas Diocesana sexa esa nai que non se cansa de selo para tantos e tantos fillos e fillas como hai na diócese. Posteriormente, o Director de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño, dirixiuse a todos os presentes agradecendo a Don José García Gondar por levar adiante tantos proxectos de Cáritas que supoñen un beneficio para un gran número de persoas. Valorou tamén o labor que se vén realizando por parte de todos os voluntarios e voluntarias, unha entrega ao servizo dos máis necesitados para dar ilusión e ganas de vivir. Por último, destacou tamén o labor social do Fogar Dona Basilisa, unha casa de acollida non só para aquelas mulleres que non queren abortar, senón tamén para as familias monoparentais, nais con nenos menores de tres anos que se encontran soas e abandonadas. "Nesta casa van ter -afirmou- un sitio onde se lles acolla, se lles escoite e acompañe".

Unha vez rematadas as intervencións na Capela da Milagrosa, fíxose o percorrido pola casa de acollida Fogar Dona Basilisa, situada nas súas inmediacións. Finalmente, todos os participantes se desprazaron ata o complexo parroquial para coñecer a tenda solidaria, o banco de alimentos, o comedor social, as aulas onde se desenvolven clases de apoio, así como a vivenda de acollida temporal e o albergue de transeúntes, as novas oficinas de Cáritas, etc. Os interesados e interesadas poden consultar unha breve galería de imaxes do acto, cedidas pola Parroquia San Xoán Bautista, no Facebook do Concello.

Compartir: