Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde no pleno para o Plan de Aforro e...

REXEITADO O CONTRATO DE XESTIÓN DO CICLO INTEGRAL DA AUGA

Luz verde no pleno para o Plan de Aforro e Investimentos da Deputación que rehabilitará a zona escolar e deportiva do Chorís

Martes 27 de xaneiro do 2015

Pola contra, non saíu adiante o Contrato de xestión de servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o "Ciclo integral da auga no Concello de Carballo". Así, o pleno debe ratificar coa maioría absoluta dos seus membros a aprobación do contrato debido á súa elevada contía, xa que ten un custe total por todo o período do servizo -de 20 anos- próximo aos 58.600.000 euros. Porén, o punto contou tan só cos 10 votos a favor do grupo de goberno e a abstención dos restantes, polo que a proposta non saíu adiante. Hai que lembrar que o primeiro proceso para licitar o servizo da auga si saíra adiante no seu momento cos votos a favor de todos os grupos da corporación excepto o PSOE, que se abstivera. Non obstante, o proceso foi suspendido -unha vez comezado e xa cunha oferta presentada- ao admitir parcialmente o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais un recurso presentado por Viaqua contra o proceso de adxudicación. Nestes momentos o servizo está sendo xestionado pola antiga adxudicataria, Viaqua, que negociou co Concello unha prórroga de seis meses despois de vencer o seu prazo de concesión de 20 anos o 31 de decembro de 2014. O obxectivo desta prórroga é o contar con tempo para realizar unha nova licitación do servizo, aínda que, polo momento, o proceso está en suspenso despois da resolución do pleno.

Adhesión ao ente de xestión turística da Costa da Morte

Cos votos de PSOE e BNG e a abstención do resto dos grupos aprobouse o primeiro Recoñecemento extraxudicial de crédito de 2015, no que se recollen as facturas de 2014 que non se abonaron no mesmo exercicio. Recóllense, así mesmo, algunhas facturas presentadas nos primeiros días do presente exercicio. O importe total ascende a 34.987,58 euros, a cifra máis baixa dos últimos anos. A modificación do texto refundido da Ordenanza Xeral sobre circulación e utilización das vías públicas para adaptar o cadro sancionador da Zona Azul á normativa da Dirección Xeral de Tráfico saíu adiante cos votos a favor de todos os grupos excepto o PP, que se abstivo. A adhesión provisional de Carballo ao futuro ente de xestión turística da Costa da Morte, o CMAT; e a anulación do acordo de aprobación definitiva do estudo detalle na Avenida de Bértoa para a construción dun novo supermercado Lidl, atendendo o requirimento da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio da Xunta foron aprobadas coa abstención de TEGA, no primeiro caso, e por unanimidade no segundo.

Por último, non saíu adiante unha moción do grupo municipal de TEGA na que solicitaba a revisión da Ordenanza Municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no relativo á tenencia de animais domésticos, con especial fincapé no que se refire a galiñas, polos, cans, etc. TEGA xustifica a petición debido á reclamación de varios veciños e veciñas da rúa Cristina, que consideran que un veciño non realiza un uso dos animais compatible coas normas urbanísticas. Aínda que a moción foi rexeitada cos votos en contra do BNG e as abstencións de PP e PSOE, o Alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a convocar unha xuntanza cos voceiros municipais para debater a posible realización de cambios na normativa municipal.

Compartir: