Inicio Carballo ao día Hemeroteca A veciñanza de Carballo doou máis...

A ONGD HUMANA É A ENCARGADA DE XESTIONAR A RECOLLIDA

A veciñanza de Carballo doou máis de 54 toneladas de roupa usada durante 2014 depositándoa nos 13 colectores do municipio

Mércores 28 de xaneiro do 2015

A reutilización e a reciclaxe téxtil contribúen á protección do medio ambiente ao reducir en parte os residuos xerados pola cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que doutro xeito iría parar ao vertedoiro para a súa incineración (cada quilo de roupa que se reutiliza e non se incinera evita a emisión de 3,169 quilogramos de CO2, segundo datos da Comisión Europea). É un servizo gratuíto para o municipio e significa un aforro importante nos gastos de xestión da recollida e a eliminación dos residuos urbanos. Alén disto, calquera persoa pode cuantificar a súa aportación ao medio ambiente ao depositar unha bolsa de roupa usada nun contedor, a través da calculadora da entidade Aeress, unha ferramenta que permite introducir o número de prendas a reutilizar e a súa tradución en emisións de CO2 evitadas. Dende o inicio da súa actividade en España, o obxectivo de Humana é xestionar de maneira eficaz as doazóns de roupa usada e incentivar a reutilización e o consumo responsable. É unha finalidade compartida pola Directiva Marco de Residuos e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA), cuxa prioridade é reducir a produción de residuos dende a orixe e incrementar a preparación para a reutilización e a reciclaxe dos residuos domésticos e semellantes.

Xunto co aspecto medioambiental, a xestión do téxtil usado é un destacado motor de desenvolvemento. Por unha banda coma xerador de emprego en España: a Fundación conta na actualidade con 450 empregados (é dicir, Humana crea un emprego indefinido a tempo completo por cada 40.000 quilos de roupa recollida). E pola outra, porque os recursos obtidos coa xestión do téxtil fan posibles os programas de axuda social e sensibilización en España e de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur. As prendas depositadas nos colectores de Humana en España teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación que a Fundación ten en L’Ametlla del Vallès (Barcelona), Leganés (Madrid) e Valderrubio (Granada) e o resto véndese a empresas de reciclaxe.

Compartir: