Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volven ao Pazo os Venres Culturais coa...

XOVES 29 E VENRES 30 DE XANEIRO

Volven ao Pazo os Venres Culturais coa "Ultranoite" de Grupo Chévere e a exposición pictórica de Xulio García Rivas

Mércores 28 de xaneiro do 2015

Antes de entrar de novo no mundo do teatro cos Venres Culturais, o xoves 29 de xaneiro, ás 20.30 horas, ten lugar a inauguración da exposición "Pintura sobre papel" do artista Xulio García Rivas, que estará aberta até o 1 de marzo na sala de exposicións do 3º andar do Pazo da Cultura. Ao acto de apertura da mostra de pinturas asistirán Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, Mar Eirís, Concelleira de Cultura, Francisco X. Fernández Naval, poeta galego e Salvador Corroto Tudela de Atlántica Centro Arte. Xulio García Rivas é Licenciado en Belas Artes e na actualidade é profesor de debuxo no IES Alfredo Brañas, de Carballo. Ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas por toda Galicia e conta con obra nas coleccións das Deputacións da Coruña e Pontevedra, da Irmandade Galega de Caracas, de Afundación, da Casa de Galicia en Madrid, da Fundación Caja Madrid ou da Xunta de Galicia. A Costa da Morte ten unha fonda existencia nas últimas obras deste artista que a través de paisaxes que sementan mares de treboada. Son todos traballos sobre papel, de gran formato os acrílicos e de formato menor as acuarelas. As obras falan só de pintura, na que abstracción e figuración non son conceptos opostos senón que proceden da realidade profunda da arte que é a súa linguaxe. A exposición poderá visitarse no horario habitual de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: