Inicio Carballo ao día Hemeroteca A aprobación provisional do PXOM...

O PLAN CONTA COS INFORMES FAVORABLES DOS TÉCNICOS MUNICIPAIS

A aprobación provisional do PXOM debaterase o luns 2 de febreiro nun pleno extraordinario da corporación

Xoves 29 de xaneiro do 2015

Ferrero quere resaltar que o Plan Xeral está pensado para "poder seguir deseñando o Carballo do futuro" e que é un documento "que a corporación coñece perfectamente" ao ter traballado nel dende hai moito tempo e no que se recollen, segundo Milagros Lantes "moitas das achegas realizadas por todos os grupos políticos". Ferrero tamén quixo "subliñar a identificación dos funcionarios da Oficina Técnica co documento" e felicitalos polo seu "intensísimo traballo" a prol de construír "entre todos" un PXOM "moi pulido", que "segundo os propios técnicos, mellora o anterior". En caso de recibir o apoio plenario, o plan será remitido para que a Xunta, nun prazo máximo de dous meses, tramite a súa aprobación definitiva. A partir dese momento o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal xa entraría en vigor, e a administración local xa podería responder unha por unha cada alegación presentada polos veciños e veciñas. Desta forma, o Concello deixaría de rexerse polas normas subsidiarias dos anos 80, en vigor dende a anulación por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do PXOM de 2003. Agora, toca sacar adiante 30 quilos de documento que Ferrero espera que superen o trámite plenario "para que dunha vez por todas Carballo conte cun plan de urbanismo".

Compartir: