Inicio Carballo ao día Hemeroteca As treboadas e as paisaxes "realistas"...

A MOSTRA PODE VISITARSE ATÉ O 1 DE MARZO DE 18.00 A 21.00 HORAS

As treboadas e as paisaxes "realistas" do pintor Xulio García Rivas: nunha exposición pictórica no Pazo da Cultura

Venres 30 de xaneiro do 2015

No acto de inauguración estiveron presentes, ademais do propio artista, Milagros Lantes, Tenente de Alcalde de Carballo; Mar Eirís, Concelleira de Cultura; Francisco X. Fernández Naval, poeta galego; e Salvador Corroto Tudela, de Atlántica Centro Arte. Este último quixo gabar o traballo de García Rivas, que cualificou de "incrible", xa que logra "plasmar sentimentos" nos seus cadros, ademais de ser "un dos poucos artistas galegos que traballa tan ben a luz". Fernández Naval foi o encargado de ler tres dos poemas que serven para ilustrar as obras do artista, comezando polo titulado "No mar azul e incandescente" de Antonio García Teijeiro; seguindo cun de Eva Veiga; e rematando cun escrito polo propio Fernández Naval e titulado "Son". O breve acto contou coa presenza de numerosos compañeiros e alumnos do artista no IES Alfredo Brañas, así como de representantes do tecido asociativo da vila e público en xeral. A mostra poderá visitarse até o 1 de marzo de luns a domingo de 18.00 a 21.00 horas.

Compartir: