Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cheo absoluto no auditorio do Fórum...

EXPERTOS DO SECTOR FALARON DE PUBLICIDADE E REDES SOCIAIS

Cheo absoluto no auditorio do Fórum Carballo na primeira xornada do ciclo de charlas formativas inForum15

Venres 30 de xaneiro do 2015

Martín Barbaresi subliñou a necesidade que ten "calquera empresa, sexa do tamaño que sexa, de facer marketing" como un paso fundamental para crear imaxe de marca. Nese proceso, os webs, as campañas publicitarias e as redes sociais deben ir da man para conseguir o obxectivo, que é primar a marca, no seu caso Calvo, por enriba de todo. Mariano Munuera realizou un repaso pola historia de "Vivamos como galegos", a campaña publicitaria máis premiada e recoñecible de Gadis. Para Munuera "Vivamos como galegos é unha biografía de como somos nós e de como é Internet", nunha campaña "identitaria" capaz de liderar "enerxías sociais". Tamén fixo fincapé na importancia das redes, xa que grazas a elas, a empresa non ten investido nin un solo euro en publicidade online, mais xa conta con 425.000 reproducións do seu último produto audiovisual.

Como peche, Carlos Fernández Guerra tentou resumir o proceso que levou á Policía Nacional a pasar en 5 anos de 6.000 a 1.350.000 seguidores en Twitter, superando mesmo ao Twitter do FBI. Entre as claves que achegou o community manager, cre que parte do éxito da súa estratexia de comunicación foi que "deixamos de mirarnos o embigo e falamos de vós", atendendo sempre as necesidades do público potencial. Resalta o poder estratéxico das redes porque "non tiñamos cartos para facer campañas, pero as redes sociais téñennos permitido facer campañas moi potentes", e sempre mantendo unha máxima: "a capacidade de conectar coa xente é fundamental para as entidades". A primeira xornada do inForum15 xa rematou, pero seguirá habendo citas para debater, informar e formar aos veciños e veciñas no futuro no Forum Carballo.

Compartir: