Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os ditames dos técnicos municipais...

O ALCALDE DEFENDE O LABOR DOS TRABALLADORES DO CONCELLO

Os ditames dos técnicos municipais ratifican que os informes preceptivos de Augas de Galicia están incluídos no PXOM

Xoves 5 de febreiro do 2015

Nese informe previo á aprobación inicial, tamén se especifica que as observacións e condicións recollidas no ditame deben incluírse no documento final para a aprobación provisional, unhas modificacións que os técnicos municipais xa realizaron no seu momento. A pesar de ter cumplicos os requisitos esixidos por Augas de Galicia, Lantes sinala que, xa que Carballo xa padeceu as consecuencias que implica a anulación dun planeamento, como asi ocorreu co aprobado en 2003 por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo, decidiuse solicitar un novo informe de Augas unha vez feitas as incorporacións para comprobar que, efectivamente, a documentación cumpría con todos os requerimentos esixidos polo departamento autonómico. O obxectivo era cumprir escrupulosamente con todos os requerimentos legais. A documentación necesaria remitiuse a Augas o 18 de febreiro de 2013, pero non foi ata 21 meses máis tarde, o 3 de decembro de 2014, cando chegou a resposta de Augas. Lantes asegura que este segundo informe é de novo, na maioría dos seus puntos, favorable ao plan. As principais observacións refírense ao Plan hidrolóxico de Galicia Norte e aos mapas de riscos de zonas inundables, xa que o ditame esixe que se anexen estes mapas no novo PXOM. Os informes de todos os técnicos municipais referendan que o PXOM aprobado o 2 de febreiro no pleno anexa estes mapas, a pesar de que aínda non contan coa aprobación definitiva do departamento autonómico e están en fase de resolución de alegacións, algunas presentadas, precisamente, pola administración carballesa.

Entrevistas coa Secretaría Xeral de Urbanismo e con Augas

O Alcalde quixo tamén subliñar que ao día seguinte da aprobación provisional do PXOM por unanimidade de todos os membros da corporación, notificoulle persoalmente vía telefónica a Encarnación Rivas, Secretaria Xeral de Urbanismo, a "boa nova" da aprobación do plan. Por iso, considera "difícil de comprender" que Augas de Galicia asegure un día máis tarde que o documento non conta con todos os seus informes preceptivos. Esta situación xa lle ten sido notificada a todos os membros de todos os grupos políticos que están presentes na Comisión de Urbanismo, e xa se solicitou unha entrevista con Encarnación Rivas e cos responsables de Augas de Galicia para aclarar calquera malentendido que se teña producido. En todo caso, a tramitación do PXOM continúa polo de agora polas canles establecidas, e está previsto remitirlle os 30 kilos do documento á Xunta de Galicia a próxima semana, cando o departamento autonómico poderá comprobar, unha vez conte coa documentación, que están incluídos os informes necesarios.

Compartir: