Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo prepárase para a chegada dos disfraces,...

AS ACTIVIDADES COMEZAN CUNHA MOSTRA NO PAZO DA CULTURA

Carballo prepárase para a chegada dos disfraces, as comparsas e as carrozas de Entroido: segue aberto o prazo de inscrición

Mércores 11 de febreiro do 2015

Hai que lembrar que tamén está aberto o prazo de inscrición no Enterro da Sardiña, previsto para o martes 17 de febreiro a partir das 21.00 horas. Poden participar todos aqueles grupos de nenos e nenas e/ou adultos compostos por un mínimo de 5 persoas ataviadas coas roupas e obxectos dunha "comitiva fúnebre" para acompañar o sepelio. Para inscribirse, os interesados e interesadas poden facelo até o venres 13 de febreiro na Concellaría de Cultura de 10.00 a 14.00 horas, e o martes 17 de febreiro (propio día do Enterro da Sardiña) antes do inicio da actividade de 19.30 a 20.30 horas na Casa do Concello. Por último, hai que mencionar que as actividades de Entroido comezan coa inauguración da exposición "Xunguir non é esmorecer, senón medrar", o xoves 12 de febreiro ás 20.30 horas. A fotógrafa ourensá Rita Blanco móstranos a historia de tres dos Entroidos da provincia de Ourense (Felos, Pantallas e Vergalleiros). Lonxe da "rivalidade" entre todos os Entroidos ourensáns, Rita Blanco ilústranos cunhas imaxes nas que se pode ver a estes personaxes interactuando entre si cando, habitualmente, nunca se mesturan e só se circunscriben ao seu territorio.

A exhibición consta de máis de 30 imaxes capturadas en distintos momentos e tamén conta con dous traxes orixinais destes Entroidos. Á inauguración, que terá lugar na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura, asistirá o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís e a autora da obra, Rita Blanco. A mostra estará aberta até o 28 de febreiro en horario de 18.00 a 21.00 horas. Os interesados e interesadas poden consultar as bases ao completo dos Concursos de Entroido máis abaixo nesta mesma nova, así como o programa de actividades.

Compartir: