Inicio Carballo ao día Hemeroteca China ou Exipto, "Maléfica" ou "Grease",...

O MARTES 17: ENTERRO DA SARDIÑA A PARTIR DAS 21.00 HORAS

China ou Exipto, "Maléfica" ou "Grease", "MasterChof" ou os mesmísimos Kiss, nun multitudinario Concurso de Entroido

Luns 16 de febreiro do 2015

E despois dunha das citas máis relevantes, a festa continúa, aínda que o martes 17 de febreiro rematan as actividades de Entroido. A primeira das citas, que terá lugar no Pazo da Cultura a partir das 17.00 h, será a xa tradicional Festa e Baile de Disfraces para a Terceira Idade que organiza a Concellaría que dirixe María del Carmen Regueira Baldomir e que amenizará Esther do Dúo Época. A entrada é gratuíta e a organización anima a todos os asistentes a que vaian disfrazados. Ás 17.30 horas, na Ludoteca municipal, continúan os obradoiros de entroido cun taller de maquillaxe. A partir das 18.30 h a Charanga "Quepasa" realiza un pasarrúas pola vila e tamén acompañárá á comitiva fúnebre que saldrá da Praza do Concello para despedir o Entroido 2015 co Enterro da Sardiña. Esta actividade celebrarase a partir das 21.00 horas e consistirá nunca escenificación da morte da sardiña na Praza do Concello e a continuación un percorrido polas rúas Coruña e Hórreo, Praza de Galicia, Rúa Fomento e Parque do Anllóns, lugar onde se celebrará o enterro. A actividade, na que participarán o alumnado da Aula de Teatro Municipal de Carballo así como o Grupo de Voluntarios de Cruz Vermella, está dirixida polo director da Aula de Teatro Municipal Artur Trillo.

Co obxecto de fomentar a participación dos veciños e veciñas de Carballo nesta actividade establécense 10 subvencións de 40 euros cada unha para todos aqueles grupos formados por máis de 5 persoas (nenos ou adultos) ataviados con roupas e obxectos propios dunha "comitiva fúnebre" para acompañar o enterro da sardiña. Os interesados/as en inscribirse aínda poden facelo propio martes 17 entre as 19.30 e as 20.30 na Praza do Concello. Todos os inscritos/as deberán estar presentes entre ás 20.15 e as 20.30 horas na Praza do Concello para confirmar a súa inscrición e participación. A Concellaría de Cultura quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, da Policía Local de Carballo e da Brigada Municipal de Obras, así como anima a participar a todos aqueles veciños e veciñas da vila que queiran despedir o Entroido 2015. Os interesados/as poden ver todas as imaxes do Concurso e Desfile de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido celebrado o domingo 15 de febreiro no Facebook do Concello de Carballo, clicando aquí. Tamén pode verse máis abaixo un vídeo con algúns dos mellores momentos da cita en Youtube.

Compartir: