Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo colabora coa celebración da...

CONVÍDASE Á VECIÑANZA A QUE APAGUE A LUZ DE 20.30 A 21.30 HORAS

Carballo colabora coa celebración da "Hora do planeta" cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 28 de marzo

Martes 3 de marzo do 2015

O ano 2015 é un ano crucial para o clima xa que en decembro gobernos de todo o mundo se reunirán en París e deben chegar a un novo acordo que permita controlar o cambio climático e así evitar os peores impactos ecolóxicos, económicos e sociais. Un acordo climático global que garanta a transformación que necesitamos e nos encamiñe cara a un mundo máis saudable, seguro e xusto para todos. As solucións non dependen só dos gobernos, senón tamén de moitos cidadáns, empresas e institucións que están a tomar medidas para loitar contra o cambio climático. Son compromisos voluntarios que demostran que usando o noso poder podemos mudar o cambio climático, que cada xesto conta para acadar un cambio global. Os concellos teñen un papel clave poñendo en marcha medidas de aforro e eficiencia enerxética no seu municipio, mostrando o camiño aos seus cidadáns co exemplo e uníndose a La Hora del Planeta para celebralo. Hai que lembrar que Carballo é o primeiro Concello de Galicia que cumpre coa normativa que a Unión Europea fixa para o alumeado público e que persegue mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, a diminución de gases de efecto invernadoiro e limitar o resplandor nocturno e a contaminación lumínica.

A Hora do Planeta é un paso e unha celebración dun compromiso, pequenos xestos que nos axudan a converter en realidade o desexo dun futuro máis xusto, limpo, eficiente e renovable. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo consultando a páxina web da "Hora do planeta", nesta mesma nova.

Compartir: