Inicio Carballo ao día Hemeroteca O inForum15 volve o 12 de marzo con catro...

MARÍN VARELA, MANUEL CANTELAR E MANUEL RÍOS SÚMANSE A LLOVERA

O inForum15 volve o 12 de marzo con catro exemplos de superación persoal e deportiva para derrubar barreiras

Venres 6 de marzo do 2015

E ás 12.00 será cando os mozos teñan a oportunidade de escoitar no auditorio a interesantísima experiencia vital de Albert Llovera. O deportista andorrano, todo un exemplo de superación que vén de participar no Dakar 2015, é parapléxico dende os 18 anos, pero iso non lle impide competir ao nivel máis alto en rallys, demostrando que con esforzo e superación non hai límites. Albert Llovera volverá a intervir pola tarde, esta vez no auditorio do Fórum Carballo, nun acto aberto a todo o público. Con el estarán Manuel Cantelar, xogador de baloncesto adaptado dende 1991, despois de quedar en cadeira de rodas tras sufrir un accidente de tráfico con só 19 anos. Comezou no Nós Culleredo e estivo a piques de entrar na Selección Nacional. Dende o 2004 milita no Abeconsa Basketmi. E agora vén de participar na creación da agrupación de deporte adaptado Un paso máis, en Carballo.

Aínda que non é o seu forte, tamén disputou torneos nacionais de tenis, en cadeira de rodas, con Martín Varela Dourado, outro dos convidados. Martín Varela tamén foi vítima dun accidente de tráfico que o deixou sen unha perna aos 19 anos. Tamén comezou no Nós Culleredo de baloncesto, pero os éxitos chegáronlle grazas ao tenis. Hoxe é unha das mellores raquetas do noso país. Xa leva 7 copas do mundo e un mundial de selección en Holanda, pero xa ten outro reto: as paraolimpiadas de Brasil 2016. Manuel Ríos Rial naceu sen extremidades. A súa historia está marcada pola súa afección ao motor, tanta que non parou ata conseguir sacar o carné de conducir. Traballa nun desguace onde todo o persoal é discapacitado e agora é copiloto de rally. Como na primeira sesión do inFórum15, as persoas interesadas en participar na xornada do día 12 teñen que inscribirse previamente. Para ilo poden acceder ao formulario dispoñible máis abaixo nesta mesma nova, ou no código QR que figura nos propios carteis.

Compartir: