Inicio Carballo ao día Hemeroteca Fotografía, música e teatro con Os Potiños,...

XOVES 12, VENRES 13 E DOMINGO 15 DE MARZO NO PAZO DA CULTURA

Fotografía, música e teatro con Os Potiños, aCadaCanto e Abrapalabra nos Venres Culturais esta fin de semana

Mércores 11 de marzo do 2015

O venres 13 a partir das 21.00 horas os Venres Culturais ofrecen a oportunidade de escoitar a unha das formación musicais máis importantes de música de autor en Galicia, aCadaCanto (na imaxe), que presenta en Carballo o seu último traballo, "A rosa d'Andina". A igrexa de Bastavales, o Santuario da Barca ou os regatos de Laíño. Cantar a Rosalía é como regresar á segunda metade do século XIX para inzar de novo eses lugares dos cantares que ela mesma escoitou e que inspiraron esa obra da que xa se celebraron 150 anos de gloria, "Cantares Gallegos". A humilde empresa de aCadaCanto é renderlle tributo a Rosalía de Castro, a través de seis poemas musicados, precisamente onde reside a lírica popular, na memoria colectiva. Ademais do repertorio de "A rosa d'Andina", aCadaCanto, interpretará temas do seu homónimo traballo anterior. Unha experiencia musical única coa que gozar dun momento de intimidade, bo gusto interpretativo e compositivo. Grandes músicos ao noso carón. aCadaCanto é o proxecto que dou en xuntar a catro grandes da música galega: Guadi Galego (voz), Xabier Díaz (voz), Guillerme Fernández (guitarra) e Xosé Lois Romero (acordeón), despois de ter coincidido entre eles en varios proxectos. Participaron en Nordestinas, Espido, Berrogüetto, Nova Galega de Danza, etc. En aCadaCanto conflúen todos os traballos anteriores no seu primeiro proxecto común. "A rosa d'Andina" é o seu segundo disco, co que recibiron o Premio Martín Códax da Música de Galicia 2014, na modalidade Canción de Autor. O prezo da entrada é de 3€ e 2€ para estudantes e maiores de 65 anos.

En Familia o domingo 15 de marzoAs citas da fin de semana rematan o domingo 15 da man da compañía do recoñecido Cándido Pazó, Abrapalabra Creacións Escénicas que presenta no Pazo da Cultura, o seu primeiro espectáculo familiar, "Ra, Ra, Ra", unha proposta directa ao corazón do público con verso e prosa, entretemento e poesía, cancións e música. Unha divertida obra na que dous actores (Víctor Mosqueira e Toni Salgado) e dúas actrices (Beatriz Méndez e Carla Capeáns) fan que as ras descubran que a noite non é tan escura. En tempos, as ras non se atrevían a saír á superficie cando se ía o sol. Escondíanse no fondo do río ata que amencía, temerosas dos máis terribles monstros que, segundo a súa asustada crenza, asolaría a noite. Mais un día unha ra noviña, e polo tanto tan valente como inconsciente, atreveuse a saír e, iluminada por un esplendoroso luar, descubriu que non existían os tales monstros, que eran só unha fabricación do seu medo.

Unha divertida e emocionante proposta En Familia que incorpora elementos como a música en directo e o teatro con elementos como a vídeo creación para facer inesquecible a tarde para os asistentes á función. O prezo das entradas é de 3€ e de 2€ reducido (estudantes e maiores de 65 anos). A función terá lugar ás 18.00 horas. As entradas poden xa reservarse na Concellería de Cultura (981 704 300) de 11.00 a 14.00 horas.

Compartir: