Inicio Carballo ao día Hemeroteca A fidelización do cliente, as novas...

PRESENTADOS OS ESTUDOS DE 2014 DO OBSERVATORIO ECONÓMICO LOCAL

A fidelización do cliente, as novas tecnoloxías ou adaptar horarios, retos do sector comercial de Carballo e comarca

Venres 13 de marzo do 2015

Respecto da análise dos estudos realizados polo Observatorio durante o 2014, o titulado "A dinamización do comercio en Carballo e a súa área de influencia" parte dun diagnóstico do sector realizado mediante enquisas dirixidas ás empresa máis representativas da zona. Así, o informe realiza unha serie de propostas para mellorar a situación do comercia local, partindo de análises que reflicten que as vendas teñen experimentado un notable descenso nos últimos anos, ou que tamén se detecta a ameaza das grandes superficies, entre outros datos. As liñas de acción que propón o Observatorio parten, ben dende o punto de vista dos propios comerciantes, ben dende o ámbito externo, con atención ás administracións e os colectivos profesionais.

Entre as medidas que debe aplicar o propio comerciante, están as que buscan fidelizar ao cliente, contando con sistemas eficaces de recollida e xestión de datos da clientela ara poder segmentar e planificar estratexias de marketing dirixidas, fomentando a venda virtual e implantando novas tecnoloxías (catálogos virtuais, páxinas web, redes sociais, etc.), xa que cada día máis, a decisión de compra do cliente está en Internet. Tamén se propón a aplicación de melloras como lectores ópticos, tarxetas de compra, estender aínda máis o pago con tarxeta, etc. A formación é outra das cuestións que debe promover o comerciante, tratando de asistir a cursos sobre atención ao cliente, vendas, escaparatismo, etc. Outra das propostas, é que os propios comerciantes axeiten os seus horarios tendo en conta as horas libres do consumidor, así como conseguir que o cliente identifique o comercio local con calidade e bo servizo. O obxectivo final de todas estas ferramentas e estratexias é o de conseguir que o consumidor se quede na Costa da Morte.

Respecto das medidas que son externas aos comerciantes, e que han de ser favorecidas por outras instancias, destaca a de fomentar a unión entre o sector. Así, as administracións deben retomar o seu labor de dinamización do comercio desenvolvendo accións coordinadas co sector para paliar os efectos da reconversión comercial, así como dotando ás poboacións de infraestruturas e servizos públicos, con medidas como a mellora da sinalización, combinando as zonas peonís coa posibilidade de realizar paradas rápidas mellorando a seguridade, ou fomentando o atractivo turístico da zona, entre outras actuacións. O informe propón tamén a recuperación das feiras tradicionais e unha maior racionalidade na proliferación e emprazamento dos mercadillos.

Necesidade de impulsar o financiamento das pemes

O segundo informe elaborado de "Aproximación ao mercado do crédito en Carballo e a súa área de influencia", xorde pola vocación do Observatorio Económico de orientar a temática dos estudos cara as necesidades reais das empresas locais e persegue, ademais, converterse nun instrumento útil na planificación de estratexias e na toma de decisións tanto para os axentes socio económicos, como para o tecido empresarial. Este estudo constata que a oferta de crédito ten decaído constantemente nos últimos anos, a pesar da inxección de liquidez pública nos anos 2013 e 2014 a través do ICO e outras liñas de financiamento. A dificultade de acceso ás fontes tradicionais tamén ten favorecido a aparición de fontes alternativas de financiamento, como o crowdfunding, os fondos de investimento, os business angels, os mercados de bolsa alternativos, etc. A pesar de todo, a Cámara conclúe que as perspectivas de futuro son positivas, xa que os últimos anuncios da Comisión Europea supoñen unha aposta de máis de 30.000 millóns de euros destinados a mobilizar o mercado de crédito a pemes, xa que estas supoñen o 90 por cento do tecido empresarial.

O estudo, tendo en conta estas premisas, presenta uns retos de futuro no que se refire ao financiamento de pemes en Carballo e a súa área de influencia. En primeiro lugar, a reactivación da demanda de financiamento mediante a organización de foros e ciclos de xornadas sobre liñas de financiamento con entidades bancarias e organismos como o Igape, Afigal, etc. En segundo, proponse favorecer o apoio ás pemes a través dun asesoramento profesional con entidades especializadas, organizando roldas de inversores ou mellorando a formación e profesionalización dos departamentos financeiros das pemes. Por último, o informe suxire a realización de estudos locais e comarcais para coñecer a realidade, as necesidades e demandas das pemes, o que está previsto que o Observatorio realice durante 2015.

Compartir: