Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Horto Infantil, APEM e "Derrubando muros...

REHABILITARASE A CONTORNA DO MURAL DE EMI DE LAS HERAS

O Horto Infantil, APEM e "Derrubando muros con pintura" colaboran para unir arte, natureza e inserción social

Xoves 19 de marzo do 2015

A coordinadora dos servizos de APEM, Pety Vázquez, que estivo presente na presentación da iniciativa, xunto coa psicóloga de APEM en Carballo, Isabel Varela, Xosé Regueira, a propia artista, o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo resaltar que, dende que APEM chegou a Carballo en 2001 contou coa colaboración do Concello, e agora, con este proxecto, "fai máis visible o noso traballo" cunha iniciativa que axuda moito aos usuarios e usuarias da entidade "porque é moi parecido a unha inserción laboral", ademais de que así se "contribúe a normalizar o labor dunha entidade como a nosa". Isabel Varela tamén quixo resaltar que "o traballo dignifica", e que a "responsabilidade" que adquiren con estes labores tanto co Concello coma co Horto Infantil "dálles unha motivación para erguerse todos os días". Emi de las Heras quixo tamén concretar un pouco máis o labor que se realizará, coa creación dunha terraza que salve o desnivel entre a fachada e o firme e a utilización de plantas acordes co mural e que axuden a poñelo en valor. De las Heras explica que está "encantada de ver traballar" aos membros de APEM e tamén subliñou os beneficios que intervencións como "Derrubando muros" implican para o conxunto da vila. Durante as próximas semanas, os usuarios e usuarias de APEM en Carballo irán alternándose para traballar neste novo proxecto e realizar a súa contribución no troco da faciana da capital municipal.

Compartir: