Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo InterPlay medra e abre o foco ás...

A SEGUNDA EDICIÓN DA CITA TERÁ LUGAR ENTRE O 16 E O 18 DE ABRIL

O Carballo InterPlay medra e abre o foco ás webseries internacionais e a novos contidos audiovisuais en Internet

Mércores 25 de marzo do 2015

Unha das citas máis novidosas desta segunda edición do CIP é o "Interfight: I Encontro de labazadas audiovisuais" ou "regueifa audiovisual" que manterán Xavi Daura e Esteban Navarro de "Venga Monjas", convidados especiais deste CIP, e David Sáinz e Teresa Segura de "Malviviendo", padriños do CIP. Segundo explica Daniel Vilaverde, de "Poetarras" -gañadora do premio á mellor webserie en lingua galega en 2014- coordinador da cita xunto co guionista Enrique Lojo, o encontro consiste nunha "batalla de vídeos" a través dunha divertida loita coa proxección de pezas audiovisuais sacadas de Internet e mesmo realizadas polos propios protagonistas co obxectivo de enfrontarse entre eles poñendo a proba os seus coñecementos e implicando tamén ao público asistente. Outro dos proxectos interesantes do festival é a presentación o sábado 18 de abril do "Proxecto Neme: a memoria audiovisual de Carballo", unha iniciativa coordinada pola produtora, profesora e investigadora Beli Martínez na que, xunto con alumnado e profesorado do IES Parga Pondal de Carballo, traballa pola recuperación da memoria audiovisual da vila. Martínez explicou durante a presentación do CIP, que até o de agora se ten recuperado un NO-DO do ano 1964 no que se dala da feira agropecuaria de Carballo, ademais dun documental sobre a loita contra a extracción de area nas praias da vila. A proposta, inspirada no Proxecto Socheo da Guarda, exporá os seus achádegos durante o festival.

Gala de peche cos "Irmáns Lumieira"Hai que mencionar tamén outras moitas actividades, como a presentación dos traballos elaborados durante o ciclo de formación FormaCIP que tivo lugar entre novembro e abril; unha master class con Belén Santa-Olalla; unha charla con Joan Carles Martorell; un coloquio moderado por Paula Hernández e a repetición de citas exitosas na primeira edición como o Vermú con CREA ou o Código Fonte Audiovisual, no que Belén Regueira toma o relevo de Touriñán. Non hai que esquecer as citas lúdias e de ocio xa pola noite o venres e o sábado no Pub Dublín. E hai que destacar a Gala do sábado, a partir das 20.30 horas, este ano presentada polos "Irmáns Lumieira"- sospeitosamente parecidos aos irmáns Lumière, inventores do cinematógrafo-. Serán interpretados por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso baixo a dirección de Sandra Lesta, e serán os encargados de levar o humor á cerimonia de entrega de premios. Durante a presentación desta nova edición do Carballo Interplay, Sonia Méndez non quixo esquecer os agradecementos, en primeiro lugar ao Concello por seguir confiando neste proxecto que arrincou hai un ano; e tamén ao Grupo Calvo, representado na rolda de prensa por Ricardo Añón, que este ano contribúe como patrocinador dos premios.

O Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, Xosé Regueira, quixo transmitirlle á organización durante a presentación do CIP "o noso agradecemento por deixar nas nosas mans a vosa criatura", cun festival que non transforma a Carballo "nun referente do audiovisual tan só durante tres días", senón tamén durante boa parte do ano grazas ao FormaCIP cuns obradoiros que teñen sido moi ben acollidos. Para Regueira, "o cemento e a materia gris só se parecen na cor" e "nós apostamos pola materia gris" e por conseguir que Carballo consiga chegar a lugares tan distantes como Toronto, Miami ou Roma, algo que "só se pode conseguir a través das artes". Para Regueira o CIP "é unha oportunidade para que Carballo soe en moitos ámbitos" e desexou que "sexa quen sexa a quen lle toque gobernar despois das eleccións, sexa quen de ler o que este festival lle achega á nosa sociedade". O Alcalde, Evencio Ferrero, pechou a cita repetindo a mensaxe de que "a cultura tamén é economía" e desexándolle "longa vida ao Interplay".

Os interesados e interesadas poden consultar o programa completo ao detalle, así como os horarios, actividades paralelas, webseries da sección oficial, etc., nesta mesma nova no web do CIP.

Compartir: